As arxentinas non tiran o pano reclaman despenalizar o aborto en 2020

'Pañuelazo' verde en Tucumán, na Arxentina, a favor da despenalización do aborto no país o pasado 19 de febreiro (Imaxe: Europa Press).
O 1 de marzo o Congreso e o Senado arxentinos retoman a súa actividade despois das eleccións. O movemento feminista a prol de legalizar o aborto agarda expectante a que o actual presidente e único candidato en apoiar as súas demandas, Alberto Fernández, cumpra co prometido. 

"Anticonceptivos para non abortar, aborto legal para non morrer". Con este lema resúmese a Campaña Nacional polo Dereito ao Aborto Legal Seguro e Gratuíto da Arxentina, que en até oito ocasións levou o seu Proxecto de Lei de Interrupción Segura do Embarazo ao Congreso Nacional, freada polas representantes dos partidos conservadores e máis próximos aos postulados da Igrexa.

O movemento cobrou forza nos últimos anos. O último pañuelazo verde en defensa do aborto libre do 19 de febreiro anegou as prazas do país e o 8 de marzo prevese unha nova manifestación masiva. Hai moitas expectativas postas no mandato de Alberto Fernández, o primeiro presidente electo en declararse a favor de despenalizar o aborto.

O aborto na Arxentina

Na Arxentina, o aborto entendido como a finalización voluntaria do embarazo está tipificado como un delito recollido no seu Código Penal que castiga tanto a muller como a profesional sanitaria que realiza a intervención.

A lexislación si recoñece unha serie de excepcións nas cales o dereito ao aborto estaría recoñecido: nos casos nos que o embarazo é froito dunha violación ou nos que corre perigo a saúde, xa sexa física ou psicolóxica, da xestante.

Calcúlase que se practican entre 370.000 e 500.000 abortos legais e ilegais na Arxentina cada ano

Calcúlase que no país, entre 370.000 e 500.000 mulleres recorren cada ano á interrupción do embarazo legal ou clandestina. Segundo as cifras oficiais, as complicacións por intervencións inseguras son a principal causa evitábel de mortalidade materna no país.

A maiores, o movemento fai fincapé en que desde decembro de 1983, desde a recuperación democrática, máis de 3.000 mulleres faleceron como consecuencia de abortos practicados en condicións inseguras.

As propostas da Campaña

En marzo de 2019 a Campaña Nacional polo Dereito ao Aborto Legal Seguro e Gratuíto na Arxentina presentou publicamente a súa última proposta dun Proxecto de Lei de Interrupción Segura do Embarazo. O texto fai referencia sempre ás "mulleres" e ás "persoas xestantes" e recolle, entre outras medidas, o dereito a "decidir voluntariamente e acceder á interrupción do seu embarazo até as catorce semanas, inclusive, do proceso de xestación".

O proxecto recolle a opción de interromper libremente o embarazo até as 14 semanas

Tamén inclúe o dereito a interromper o embarazo en calquera momento cando este é produto dunha violación, "co só requirimento e a declaración xurada ante a profesional ou persoal de saúde", ou cando a saúde ou a vida da xestante estivese en risco.

O proxecto da Campaña estabelece que as persoas que desexen interromper o seu embarazo deberán ser informadas polos profesionais da saúde dos métodos existentes e dos riscos que comportan. Ademais, fixa un período máximo de cinco días entre que se solicita a práctica e a súa intervención nun centro do sistema público de saúde. 

Menores embarazadas

Un informe publicado polo Ministerio da Saúde calcula en 3.000 as menores de 15 anos que dan a luz anualmente na Arxentina. O documento tamén alerta de que canto menor é a idade das xestantes maior é a probabilidade de que a causa estea relacionada con violencia sexual, abusos sexuais ou explotación sexual e sitúa estas rapazas nunha situación de "extrema vulnerabilidade".

Arredor de 3.000 menores de 15 anos dan a luz anualmente no país

Porén é moi complexo cuantificar o número exacto de embarazos forzosos, pois o sistema de saúde arxentino non dispón de rexistros sistematizados e o sistema xudicial contabiliza unicamente as denuncias formais, que non sempre se realizan. Para este abano de idade a proposta da Campaña inclúe o consentimento para que as menores de 13 anos podan interromper o seu embarazo e, cando as súas vidas corren perigo, tamén para as rapazas de entre 13 e 16 anos.

"O proxecto está na rúa"

"O momento é agora", anunciou a Campaña nun comunicado e berraron as mulleres arxentinas nas rúas o 19 de xaneiro, "este 2020 o aborto será lei, o proxecto está nas rúas". O 1 marzo ponse en marcha o Goberno liderado por Alberto Fernández e retoman a súa actividade o Congreso e mais o Senado. As arxentinas non tirarán o pano e seguirán o ses pasos atentas, para comprobar se as promesas viran realidade.