28-S

O feminismo galego reivindica o acceso ao aborto legal e seguro

Unha mobilización en defensa do aborto libre e gratuíto.

O 28 de setembro é o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro e, con este motivo, a Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres reivindica a necesidade de facer efectivo o dereito conquistado coa Lei de interrupción voluntaria do embarazo.

A Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres reivindica no Día da Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro facer efectivo “o dereito conquistado polo movemento feminista no ano 2010 a través da Lei de interrupción voluntario do embarazo”.

O movemento feminista lembra que coa posterior modificación do Partido Popular en 2015 “hoxe as mulleres de 16 e 17 anos ven privada a súa capacidade decisión sobre os seus corpos, pois deben conseguir un permiso paterno (ou xudicial) para interromper un embarazo”. De aí que esixa a derrogación inmediata da modificación da lei de 2010 por parte do novo Goberno do Estado.

Nun comunicado de imprensa a Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres denuncia que a sanidade pública galega “está a financiar abortos en clínicas privadas debido a casos de obxección de conciencia do persoal sanitario”.

Nos casos de interrupcións voluntarias de embarazos de máis de 9 semanas, no que a motivación é a saúde psicolóxica da muller, “a sanidade pública non é quen de garantir a realización da intervención e acaba financiando a mesma en centros privados”. E nos de máis de 14 semanas, adoita ser unha práctica habitual que se obrigue a muller a se deslocar fóra da Galiza para a intervención médica.

Neste contexto, o feminismo esixe que o Sergas garanta o aborto libre en todos os casos médicos que a lei recolle. Reclama tamén a modificación da normativa co fin de que o persoal sanitario non poida negarse a realizar unha intervención que é plenamente legal.

Na mesma liña, a Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres empraza a que a educación afectivo sexual sexa difundida nas escolas, a que se faciliten os anticonceptivos nos Centros Quérote, así como recursos e programas sobre reprodución en institucións locais como os Centros de Información á Muller. Desta maneira, explica, forneceríanse “todas as ferramentas ao dispor das mulleres” para reducir as interrupcións voluntarias dos embarazos.