Un artigo da columnista Cláudia Morán en 'Nós Diario', finalista do Premio Afundación de Xornalismo

Integrantes do xurado do premio xornalístico. (Foto: Afundaciòn)
Francisco Castro e Diego Giráldez, os outros finalistas.

Afundación deu esta terza feira a coñecer os tres artigos de opinión finalistas da XIX edición do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, nos que destaca o escrito pola xornalista Cláudia Morán Mato, Nunca nais, publicado en Nós Diario en setembro do pasado ano.

Os outros dous finalistas son o editor Francisco Castro, por Coiden da música, publicado en La Voz de Galicia; e Diego Giráldez, por Coreografía dos envoltorios, publicado en Praza Pública.

Os tres artigos finalistas foron escollidos por un xurado integrado por Víctor F. Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Míriam Ferradáns.

Na rolda de prensa de hoxe, Marité Cores, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, subliñou "tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que, en momentos tan extraordinarios, tan complexos como os actuais, require grandes esforzos e se nos revela imprescindíbel".

"Calidade, precisión e esmero"

Pola súa parte, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), destacou a "calidade, precisión e esmero" de todos os traballos presentados. "Unha convocatoria deste tipo sempre ten algo de crónica e tentamos premiar aqueles traballos atemporais, pezas literarias que perduren no tempo e sirvan de referencia", detallou.

Freixanes engadiu que nos artigos presentados observou "preocupación polo que está pasando no país. As temáticas que tratan pódense resumir no conflito das xeracións, o xénero e a maternidade e a desfeita do mundo rural".

Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Un total de 27 artigos optaban á XIX edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor ou autora, que fose publicado entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas, e escrito en lingua galega.

Entre as persoas gañadoras doutras edicións destacan Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato ou Míriam Ferradáns, gañadora da última edición.