Un artigo de Mercedes Queixas publicado en 'Sermos Galiza', nas oposicións de galego

[Imaxe: CIG] Fotografía de arquivo dunhas oposicións

Hai lugares onde non existe a primavera, artigo da profesora e escritora Mercedes Queixas publicado en Sermos Galiza o 14 de maio deste mesmo ano, foi o elixido para que as e os opositores realizasen o comentario lingüístico nas oposicións para docente de ensino secundario da especialidade de Lingua e Literatura Galega.

Sermos Galiza estivo moi presente nas oposicións de Educación que se desenvolveron esta fin de semana e que congregaron perto de 15.000 persoas entre todas as especialidades. Os tribunais da especialidade de Lingua e Literatura Galega para o corpo de docentes de secundaria elixiron un artigo da profesora e escritora Mercedes Queixas, publicado no noso medio, para o comentario lingüístico.

 

Trátase dunha peza titulada Hai lugares onde non existe a primavera e publicada o 14 de maio de 2017 no diario dixital de Sermos. É un artigo de opinión da nosa colaboradora habitual cun marcado carácter literario e con linguaxe poética, un texto ateigado de esperanza en que a “primavera lúcida das palabras sempre releva o opresor inverno dos silencios”.

 

As e os opositores de Lingua e Literatura Galega, ao redor de 600 persoas que se examinaron no IES Lucus Augusti e no CIFP Politécnico de Lugo para optaren a unha das 50 prazas (47 de quenda libre e 3 para persoas con discapacidade), tamén se enfrontaron a un poema de Antonio Noriega Varela no comentario literario e a un texto de carácter máis documental no filolóxico, segundo fontes consultadas por Sermos Galiza. Fixérono repartidas e repartidos en cinco tribunais.

 

Do total de persoas inscritas, 7.467 fixérono á especialidade de infantil e primaria, 6.113 a secundaria e 46 a música e artes escénicas. A FP inscribíronse 823 persoas. Segundo a Consellaría de Educación, as probas realizadas o sábado, 24 de xuño, decorreron con normalidade.