Folga Estudantil

Artai Gavilanes (Erguer): "Non podemos seguir paradas mentres privatizan o ensino"

Artai Gavilanes, responsábel de Organización de Erguer Estudantes da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Erguer. Estudantes da Galiza convocou para esta terza feira, 25 de abril, paros no ensino medio e superior do país. Nós Diario conversa co seu responsábel nacional de Organización, Artai Gavilanes, sobre os motivos destas mobilizacións.

—Por que é este o momento de convocar unha folga estudantil?
Nos últimos anos estamos vendo como se desmantela o ensino público e se favorece o privado. Este ano comezou a operar a universidade privada de Abanca, un proxecto totalmente contrario á realidade galega que ofrece unha duplicidade de grados que xa existían nas universidades públicas, nun exercicio de competencia descarada e que exclúe a nosa lingua do ensino. Aprobouse tamén a LOSU, unha lei feita de costas ao estudantado, que lle da máis poder aos consellos sociais (onde se atopa representada a empresa privada), institucionaliza o movemento estudantil e non regula aspectos chave como a remuneración das prácticas, o acceso á universidade ou a cuestión lingüística .

No ensino medio recortase en profesorado. 717 docentes menos este curso escolar. Mentres aumenta a partida de cartos públicos para o ensino concertado-privado. E coa chegada da FP dual, que supón unha privatización encuberta do FP, recórtase en dereitos para as estudantes en prácticas e dáselle máis poder ás empresas na avaliación do alumnado.

Isto, sumado á actual crise de prezos e á dificultade de compatibilizar estudos e traballo, déixanos nunha situación límite, empobrecidas até tal punto que moitos e moitas estudantes vense obrigadas a ter que deixar os seus estudos. A igualdade de oportunidades non é real. Non vemos garantido o noso dereito a unha educación pública e de calidade.

Hai seis anos das últimas mobilizacións estudantís na Galiza. Desde Erguer consideramos que non podemos seguir paradas mentres privatizan o noso ensino, marxinan a nosa lingua e cultura e xogan co noso futuro. Sobran os motivos e cremos que é necesario recuperar a organización do estudantado e dar unha resposta colectiva en defensa dos nosos dereitos. Por iso a urxencia desta convocatoria de folga.

—Cales son os principais problemas do estudantado galego?
Son varios os problemas que temos hoxe en día. Algúns que xa sinalei, como as dificultades económicas que poñen en risco os nosos estudos, o avance da privatización que atenta contra a igualdade de oportunidades, os recortes en educación que deterioran a calidade da docencia e termos un modelo educativo “desgaleguizador”. A nosa historia é ocultada e retirada dos currículos de secundaria e bacharelato e prohíbennos recibir matemáticas, física, química tecnoloxía... en galego.

Propóñennos un novo modelo de selectividade que mantén a mesma proba antipedagóxica e elitista e que despreza o traballo realizado por profesores e alumnado ao longo dos cursos de bacharelato. Á vez que xera unha forte presión sobre o estudantado, afectándolle á súa saúde mental.

A reorganización da FP en Básica e Dual, aumenta o número de horas en prácticas cunha remuneración e condicións de traballo que deixan moito que desexar. Fan da FP un banco de estudantes onde as empresas poden mercar man de obra barata.

Na universidade, xa dende a entrada en vigor do Plan Bolonia deteriorouse a calidade e cantidade de contidos e primouse a adaptación do conxunto do saber á aplicación no mercado, tratando as estudantes como man de obra especializada. Ademais, introduciu unha presencialidade, carga horaria e lóxicas de funcionamento carentes de sentido que condicionan a vida do estudantado e dificultan moito compaxinar coa vida privada ou con estudos e traballo. Ademais da perdida de peso dos grados encamiñándonos cara posgrados, con taxas máis elevadas e de oferta reducida, cribando de novo ás estudantes por motivos socioeconómicos.

Seguimos a sufrir os efectos, cada vez máis graves, dos recortes e da privatización mentres non se toman medidas para garantir o acceso á educación.

—E cales son as propostas de Erguer para solventalos?
Desde Erguer apostamos por unha Lei Galega de Educación que ofreza un sistema educativo propio que se adapte ás necesidade do estudantado galego. Unha lei deseñada pola comunidade educativa que reverta todas as medidas neoliberais aplicadas no noso sistema educativo. Que constrúa un modelo de ensino galego e en galego, accesíbel e popular, feminista e inclusivo, público e de calidade.

É preciso pór fin ás taxas universitarias e ás probas de acceso inxustas, así como a gratuidade dos libros de texto. Necesitamos bolsas adecuadas ao custo da vida e que todas as estudantes que as precisen pola súa situación económica poidan ter acceso a elas, ademais de ampliar o número de prazas en residencias públicas ou regular o aluguer nas cidades universitarias.

A normalización plena da nosa lingua pasa por un aumento exponencial da súa presenza no ensino, a fin do vergoñento “decreto do plurilingüismo” e o uso vehicular real da lingua galega no ensino. Precisamos estudar e coñecer a nosa historia, a nosa cultura, as nosas referentes rachando así coa uniformación estatal. Un modelo de ensino que teña en conta o rural.

É preciso pór en valor a referentes femininos e incorporar materias sobre igualdade de xénero de xeito que esta sexa unha competencia transversal en todos os niveis educativos, educando no respecto e coñecemento da diversidade. Ademais de elaborar protocolos de actuación fronte agresións machistas para os centros.

Estas son entre outras, as principais medidas que reclamamos dende Erguer. Estudantes da Galiza.

—Nos últimos anos obsérvase un estudantado menos mobilizado. Como explican este feito?
É unha pregunta complexa. Son varios os factores. Seguramente ter un sistema educativo que nos trata como meros produtos a introducir no mercado laboral e que promove a competitividade entre o alumnado é un factor importante. Empúrrannos cara un individualismo extremo que se agrava coa situación económica e unhas perspectivas de futuro cada vez peores. A presión que sufrimos buscando encaixe no sistema dificulta moitas veces a posibilidade de ver as cousas de maneira colectiva.

A mercantilización dos títulos tamén é un problema. Reducir a educación a unha proba que hai que pasar no camiño a obter un título que nos permitirá atopar emprego fai que só queiramos pasar esa etapa e non a pensemos como unha parte importante no crecemento vital dunha persoa. Así que nos desmobilizamos. Tamén os intentos de institucionalizar o movemento estudantil, como fai a LOSU.

Nós temos claro que a educación non debe ser iso. A educación é un dereito e un ben público que debe servir para democratizar a sociedade, non un negocio. O traballo de Erguer con esta folga consiste en facer ver ao estudantado galego a importancia de mobilizarnos ante os ataques aos nosos dereitos. O problema que ten unha estudante nun centro pode ser o mesmo que ten a compañeira do lado ou outra noutros centros, e que sumando forzas colectivamente será a maneira máis eficaz de resolvelos. Temos que recordar que se as revalidas que pretendía introducir a LOMCE hai anos non se chegaron a implantar foi grazas á mobilización social naquel momento. E así outros logros máis concretos como o estudantado de medicina hai uns anos coa folga e peche na súa facultade ou a conquista de máis prazas de estudo na USC tras diferentes peches e protestas.

—Defenden a promulgación dunha Lei Galega de Educación. Que competencias lle daría esta lei ao ensino galego que non teña agora?
Erguer defende unha Lei Galega de Educación como horizonte estratéxico cara o que camiñar. Cremos que son necesarios avances que camiñen na superación do actual marco do rexime do 78. O Estado segue a manter competencias en materia de títulos, currículos ou financiamento de centros concertados, así como a potestade para supervisar o que fan as autonomías. É fundamental tamén recuperar competencias en xestión de contidos, que  xa foran roubadas dende a LOMCE.

Mentres as competencias actuais non deixen de ser unha concesión do poder central, non é real a capacidade de regular como precisamos o noso ensino. Así o teñen demostrado facendo uso da Xustiza para limitar os dereitos das linguas distintas ao castelán, a través de sentencias do Tribunal Constitucional.

O que buscamos coa Lei Galega de Educación é o exercicio pleno do noso dereito de autodeterminación en materia educativa. Unha lei que lle dea a totalidade das competencias en materia de ensino ao poder galego.