Erguer chama o estudantado a mobilizarse para defender nas rúas “un modelo de ensino público e galego”

Integrantes de Erguer. Estudantes da Galiza durante unha manifestación en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A organización estudantil anunciou nesta quinta feira as mobilizacións que convoca para a folga do 25 de abril, “en contra da privatización do ensino e por unha Lei Galega de Educación”.

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza, que a pasada quinta feira 16 de marzo anunciaba a convocatoria dunha folga estudantil para o vindeiro 25 de abril, anunciou as mobilizacións que terán lugar no propio día como colofón final á campaña de folga na que traballan na actualidade.

“Sobran os motivos. O estudantado non aturamos máis esta situación de constante avance do sector privado sobre o noso dereito á educación e debemos estar aí para defender os nosos intereses. Esta defensa comeza por baleirar as aulas e encher as rúas este 25 de abril”, declarou Artai Gavilanes, responsábel nacional de organización.

“Organizar” o estudantado

Desde a organización non desbotan anunciar máis mobilizacións “a medida que avance o traballo da campaña de folga”. Erguer chama o estudantado galego a “sumarse ás convocatorias existentes e á organización destas e novas mobilizacións”.

“O noso obxectivo é o de organizar o estudantado e devolverlle a capacidade mobilizadora que sempre tivo. Dar unha resposta colectiva ás normas educativas que se aproban sobre nós e saír en defensa do ensino público. Porque a educación é un dereito e temos que defendelo, é preciso que saiamos xuntas ás rúas a reivindicalo’’, afirmou Artai Gavilanes.

Baixo o lema ‘Das aulas ás rúas, pola defensa do noso ensino’, Erguer está desenvolvendo un traballo de difusión dos motivos “máis que suficientes” desta convocatoria de paro no ámbito educativo, así como as propostas para o ensino que defenden desde a organización. “Este traballo estase levando a cabo a través de asembleas abertas nos centros de ensino, repartos de material informativo e un traballo de base acompañado con contidos nas súas redes sociais”, sinalan desde a organización estudantil.

“Despois do traballo destas semanas e todo o que faremos nas vindeiras, queremos animar o estudantado a mobilizarse en todo o país, para defender nas rúas o dereito á educación e reclamar un modelo de ensino público e galego” sentenciou Gavilanes.

Mobilizacións convocadas

Erguer. Estudantes da Gailza convoca as seguintes mobilizacións:

A Coruña, 12:00h, Praza do Obelisco.

Lugo, 12:00h, Edificio Multiusos da Xunta.

Ourense, 12:00h, Subdelegación do Goberno.

Pontevedra, 12:00h, Praza da Peregrina.

Santiago de Compostela, 12:00h, Alameda.

Vigo, 12:00h, Farola de Urzáiz.

Padrón (comarca de Sar), 12:00h, pasarela diante do IES Camilo José Cela.