Arredor de 30 postos integrarán a Feira do Mel de Montaña de Muras

Requeixo, Gómez, García, Ferreira e Goti, esta quinta feira en Lugo. (Foto: Nós Diario)
O evento decorrerá entre o sábado e o domingo

Muras (A Terra Chá) acolle o sábado e o domingo a oitava edición da Feira do Mel, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado Daniel García, o alcalde de Muras, Manuel Requeixo, e a tenente de alcalde, Paula Gómez, acompañados por Isabel Goti e Manuel Ferreira da casa do Mel de Goente, presentaron onte o programa de actividades, que busca pór en valor a calidade do mel das producións locais. 

A feira, que abrirá o domingo as súas portas, contará cunha trintena de postos de venda de mel e outros produtos derivados ou elaborados con mel (hidromel, cervexa, cera...). Entre eles, destacarán oito postos de produtoras e produtores de mel de Muras, que participarán tamén na cata de mel que decorrerá o sábado pola tarde. 

Requeixo valorou a feira como "un evento consolidado co que fomos cumprindo os obxectivos que nos marcamos inicialmente de promocionar o mel de montaña e  pór en valor as producións locais" e convidou "a achegarse a Muras para disfrutar do produto e dun espazo único como o Viveiró, nun día que reflicte o dinamismo e vida que hai no rural”.

Pola súa parte, García explicou que “desde a área de Medio Rural [da Vicepresidencia da Deputación de Lugo] valoramos especialmente estas iniciativas que inciden na diversificación produtiva, promovendo actividades como a apicultura que xeran rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúen ao mantemento do medio natural” e valorou “o traballo que o Goberno municipal de Muras ven desenvolvendo para dinamizar económica e socialmente o concello a partir do aproveitamento do monte”.

A feira e cata de mel compleméntase cun programa lúdico con demostracións de cociña (con Lucía Freitas), obradoiros de cocina ou elaboración de cera para as máis pequenas e actuacións musicais para amenizar a xornada. 

Programa

As actividades comezarán o sábado ás 17.30 horas cunha cata de Mel de Montaña. Ás 20 horas, o biólogo e apicultor Miguel Vélez impartirá a conferencia titulada "Invernada das abellas". 

Fechará a xornada unha degustación de liscos de balde, amenizada polo Dúo Musical Pedriñas. 

O domingo, ao longo de todo o día, pasarrúas e música en directo amenizarán toda a xornada. Ás 10 horas terá lugar a apertura da Feira, seguido dun obradoiro de cera a cargo da Asociación Casa do Mel de Goente que comezará ás 11 horas e dun showcooking con Lucía Freitas, propietaria e chef dos restaurantes Lume e A Tafona, galardoado cunha Estrela Michelín, que dará inicio ás 12 horas. 

Ás 14 horas terá lugar o xantar e ás 16 horas un obradoiro de cociña para os e as máis pequenas impartido por Espacio Vivo. 

Finalmente, a programación da feira fecharaa a entrega de premios do concurso da cata de Mal de Montaña.