Persoal de prevención e extinción de incendios forestais rodea a Xunta contra "millar de despedimentos"
Centos de bombeiras e bombeiros do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios da Xunta da Galiza (SPIF) mobilizouse esta segunda feira ao redor da sede da Administración galega en San Caetano, Compostela, coincidindo co primeiro día en que están no desemprego. Esta segunda feira, case un millar de traballadoras e traballadores fixos descontinuos do operativo viron rescindidos os seus contratos por parte da Consellería do Medio Rural, a mesma -xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda- que o pasado mes de xuño definiu o operativo de 3.000 persoas do SPIF como “un referente nos servizos de extinción de incendios en España e Europa”. Emisoristas, bombeiros e bombeiras forestais, motobombistas e persoal de todas as categorías do SPIF saíron esta segunda feira á rúa nunha mobilización convocada pola CIG para denunciar os seus despedimentos logo “da campaña infernal deste verán”. Critican que no medio da vaga de lumes do pasado mes de agosto “o presidente da Xunta recoñeceu que non había suficientes efectivos e chamou a UME e agora pide unha base fixa da UME na Galiza, pero a nós mándanos á rúa”, denunciou esta segunda feira na mobilización un dos bombeiros forestais despedidos, Xan Lois Cabreira, que até o domingo facía parte do Distrito XVIII do Baixo Miño e que este verán tamén foi desprazado a Ourense como moitos compañeiros durante a vaga de lumes.
No desemprego
Vanesa Adrover é bombeira forestal no Distrito XVIII do Baixo Miño, esta segunda feira estaba na mobilización en Compostela -está de baixa logo de resultar ferida nun dos labores de roza que leva a cabo o dispositivo- “queremos condicións laborais que nos deixen desempeñar o noso traballo con dignidade”, explicou a Nós Diario. “Precisamos un traballo continuo no tempo nunha situación complicada como temos agora no monte”, asegura. Adrover estivo este verán desprazada polo SPIF nos lumes de Ourense, “tocounos como a todos, este ano todos traballamos nos lumes de Ourense e do interior de Lugo”, afirma.
Esta segunda feira en Compostela, e acaba de incorporarse ás listas do paro, afirmo: “Queremos vivir dignamente do noso traballo” e destacou que “é esencial que as bombeiras forestais teñamos un traballo digno porque iso redunda no benestar de todas e de todos”. Critica que este servizo, que é público, "non está ben xestionado".
Xulio Saiáns tamén estaba esta segunda feira na mobilización en Santiago, é bombeiro forestal do Distrito I da zona de Ferrol, tamén desde esta segunda feira está no paro. A sensación de verse despedidos logo do que levan pasado neste verán descríbea así: “Somos bos cando hai vagas de lume e despois somos prescindíbeis”. Critica que mentres a Xunta prescinde de case mil traballadores e traballadoras, “Rueda pide unha base da UME na Galiza”. Destaca Saiáns que os bombeiros forestais do SPIF despedidos esta segunda feira“ somos parte da solución, coñecemos onde e como aconteceron os lumes, os labores de restauración que hai que facer e como mudaron os lumes”. Desde o colectivo destacan tamén que neste verán houbo 70 “compañeiros feridos” en incendios forestais e critican “as boas palabras” cando parte destes accidentes foron por “formación deficiente, entrou moita xente con cero formación en incendios e mandáronos ao monte en situación de risco”, critica Saiáns.
As demandas do persoal
A pesar de estaren desde esta segunda feira sen emprego, os bombeiros e as bombeiras forestais do SPIF da Xunta insistiron nas súas demandas. Destaca a Nós Diario Xan Lois Cabreira, bombeiro do Distrito XVIII do dispositivo, que “demostramos á sociedade a nosa profesionalidade”, pero critica a Xunta “non quere vela nin recoñecela”
No manifesto que esta segunda feira leron ao remate da mobilización en San Caetano, demandan un maior investimento en prevención, a ampliación de competencias para o campo das multiemerxencias, formación para as prazas das brigadas municipais, estabilidade laboral para o persoal de incendios, garantir a seguridade e a saúde do persoal de incendios, urxen a fin da perda de poder adquisitivo que sofre o persoal da administración e piden equiparar as condicións do persoal laboral coas de persoal funcionario así como un “servizo 100% público” coa cobertura de baixas e prazas vacantes e tamén axilizar os tramites dos coeficientes redutores para o persoal que cumpra requisitos de xubilación. O persoal demanda ademais a ampliación do tempo a contratos de oito meses a 12 meses.
Sinalaron os profesionais esta segunda feira despedidos por Medio Rural que levan tempo reclamando un “servizo multiemerxencias” para o que están preparados os traballadores e as traballadoras despedidas do SPIF da Xunta da Galiza e que podería mesmo actuar en casos coma as actuais emerxencias e alertas por choivas. Criticaron os bombeiros forestais “o desprezo” do Goberno de Alfonso Rueda aos seus “coñecementos e á súa experiencia” para levar a cabo estas tarefas precisas nun servizo de emerxencias público no país.
Escorreduras
Mentres que 938 traballadoras e traballadores públicos foron esta segunda feiradespedidos, veciñanza e Alcaldías de Valdeorras fan chamadas de alerta polos ríos de cinza que as escorreduras nas zonas arrasadas polo lume están a provocar, contaminando a auga da traída. Os bombeiros critican que nestas semanas en que alcaldes de Valdeorras dan a voz de alarma demandando medios para pór freo á contaminación nos seus acuíferos “non nos mobilizaron”. Xulio Saiáns asegura que “temos uniformes e formación e medios para tentar conter as escorreduras e evitar os prexuízos de deixar o monte espido”.
Diante de alertas e demandas de axuda de concellos como A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, ou O Barco, critican os bombeiros forestais que “a Xunta nin nos mobiliza cando estamos preparados para dar resposta a estas situacións”, criticou Xan Lois Cabreira. Os bombeiros forestais sinalan que “un terzo do dispositivo no paro xustifica agora que a Xunta siga sin prestar axuda aos concellos que o demandan”, concellos como o da Rúa, no que súa alcaldesa, María González advertiu en declaracións a Nós Diario: “Estamos ante unha situación de emerxencia porque podemos quedar sen auga para ducharnos nos vindeiros meses”.