Arranca en Compostela éBici, o programa de préstamo de bicicletas eléctricas

Goretti Sanmartín e Antonio López, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Santi Alvite)
A iniciativa, dirixida á comunidade universitaria, nace dunha colaboración entre a USC e o Concello de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) porá en marcha a vindeira segunda feira, 15 de abil, o programa piloto éBici de préstamo gratuíto de bicicletas eléctricas na capital galega.

A iniciativa diríxese a toda a comunidade universitaria e conta coa colaboración do Concello de Compostela que, mediante sinalización específica, creou un percorrido que conecta os campus da cidade mediante unha vía na que convivirán tanto bicicletas como outros vehículos. 

éBici é unha iniciativa da Xerencia da USC co apoio da Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, cuxo responsábel, Xan Duro, presentou onte os detalles do programa nunha rolda de prensa na que tamén participaron o reitor da universidade, Antonio López, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, o xerente da USC, Javier Ferreira, e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico

De inicio haberá catro postos de acceso ás vinte bicicletas dispoñíbeis –eléctricas e non– nesta primeira fase, situados nas Facultades de Filoloxía, Medicina e Odontoloxía, na Biblioteca Concepción Arenal e no Aulario Novoa Santos (CHUS).

O horario de uso esténdese das 8.00 ás 21.30 horas e o programa éBiCi USC conta cunha aplicación que facilita ás usuarias e aos usuarios a interacción co sistema.