Arquivan por erros na instrución unha peza da operación 'Pokémon' na que estaba un ex alcalde do PP de Santiago

O ex alcalde de Santiago Gerardo Conde Roa. (Foto: Europa Press)
O auto do arquivo  recolle varias críticas cara á investigación que levou a cabo a xuíza Pilar de Lara.

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela emitiu o auto de arquivo provisional dunha peza da Operación Pokémon na que permanecían como investigados por un delito de tráfico de influencias, entre outros, o ex alcalde da capital galega Gerardo Conde Roa (PP) e un antigo responsábel de Aquagest, a empresa que entón xestionaba a auga no concello.

O escrito, ao que tivo acceso Europa Press, recolle varias críticas cara á instrución que levou Pilar de Lara, a xa ex titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo que foi apartada por unha sanción do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX) por dilacións en procedementos de corrupción.

En concreto, o auto de arquivo, con data de 15 de setembro, recolle que a providencia emitida en decembro de 2019 "en ningún momento" indica "que delito obxecto de investigación nin persoas responsábeis dos mesmos" deben ser investigadas.

"Na documentación remitida figura unha zaragallada de datos, ás veces sen conexión entre si, anuncio da existencia de comisión de múltiples delitos e persoas presuntamente responsábeis, con domicilios repartidos por toda a xeografía estatal, pero non se concreta que acción ou accións se lle imputan a cada un deles e a data de comisión de cada unha delas", explica a maxistrada Elvira Cangado, que incide en que os arquivos incluían "fotocopias de noticias de prensa".

Os investigados non declararon en sede xudicial

Ademais, destaca que, "salvo erro, non consta a declaración" en sede xudicial de ningún dos investigados (ademais de Conde Roa, os ex concelleiros do PP José Luis García Belo e Anxo Espadas, o empresario Jesús Fuentes Maceiras e o ex delegado de Aquagest en Santiago, José Luis Míguez). "Polo que descoñecemos se houbo algunha imputación de delito ou dun feito con posíbel relevancia penal", engade a maxistrada.

Tal e como se argumenta no auto compostelán, na data de incoación do procedemento "as declaracións de investigados xa deberían ser tomadas" e "todas as dilixencias de investigación practicadas".

Por todo iso, a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago explica que "non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa".