A área da Coruña cuadriplica xa a taxa da Covid-19 na Galiza

Sanidade avaliará o vindeiro día 19 o impacto das restricións impostas.
A Xunta decidiu onte non restrinxir, "polo momento", a mobilidade na comarca da Coruña para conter o que é o principal foco de coronavirus na Galiza, que suma xa 463 casos activos, 56% do total da Galiza, e eleva a súa taxa de incidencia ao nivel da española. No canto de endurecer as limitacións impostas a semana pasada ou de reforzar os seus servizos, que afectan especialmente o ocio nocturno, os centros de día e as residencias, o Goberno galego opta por aumentar PCR e derivar nos Concellos e nas forzas de seguridade do Estado o control do cumprimento dos seus protocolos. 

Malia o "procupante" da evolución epidemiolóxica na área sanitaria da Coruña e, en concreto, da cidade e os seus concellos limítrofes, a Xunta evitou onte restrinxir "polo momento" a mobilidade xeral nesta comarca para controlar a incidencia da Covid-19, que, cunha taxa de 92 casos por cada 100.000 habitantes e máis da metade dos casos activos da Galiza, case cuadriplica nesta ámbito a media galega (23,74) e achégase á española (94,60).

As medidas de contención, que comunicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após unha reunión co comité clínico e co conselleiro de Sanidade, manteñen, unha semana máis "como mínimo", as restricións instauradas o pasado día 7 en canto a prohibición de festas e eventos nocturnos, redución da capacidade dos locais comerciais e de hostalaría, limitación do horario  de bares e terrazas até a unha da madrugada, fechamento de centros de día e restricións nas visitas nas residencias. 

A elas súmanse, desde esta madrugada, a decisión de limitar o acompañamento a persoas hospitalizadas e de reforzar o número de probas PCR a realizar nestes concellos, co inicio  de "cribados preventivos aleatorios" en sectores da poboación máis afectados polo virus para "tentar circunvalar os abrochos" non detectados, especialmente entre menores de 40 anos. 

Porque, segundo alertou Feixoo, esa é a franxa de idade onde o foco coruñés está a ter especial incidencia. Segundo os datos que facilitou, 80% dos novos contaxios nesta área danse entre menores de 60 anos e nos hospitais a media de idade está nos 56 anos, con nove persoas menores de 50 ingresadas con coronavirus. 

"Necesitamos que a xente moza tome con seriedade as condutas que temos que aprobar. Necesitámolo porque pomos en risco a vida, no só dalgúns mozos, senón dos pais e avós, e este é un feito confirmado", alertou o presidente do Goberno galego, antes de chamar os Concellos e a Delegación do Goberno na Galiza a "instar" as Policías Locais e as forzas e corpos de seguridade do Estado a que estan "vixilantes e proactivas" en controlar que se cumpren as prescricións.  

Fóra de contención

Esa é a derradeira medida adoptada onte pola Xunta, que non contempla polo de agora outras accións de reforzo para atender a crecente incidencia da pandemia, que na última semana sumou tres falecementos –os primeiros desde xuño–, duplicou os casos activos na Galiza –dos 412 do día 6 aos 827 comunicados onte polo Sergas– e multiplicounos por tres na área sanitaria coruñesa, onde se viviu entre os días 6 e 8 un "incremento brusco", ao pasar dos 177 aos 302 positivos. 

No entanto, o presidente galego derivou unha parte importante da responsabilidade da contención nos recursos dos Concellos e do Goberno estatal, ao vincular o incremento de casos coa "enorme relaxación nos control das medidas en vigor", neste caso, na zona da Coruña. "Esperamos ter unha contención maior do virus porque lamentabelmente, nesta área sanitaria, non o estamos conseguindo", sinalou, despois de achacar a unha parte da poboación da comarca "un nivel de relaxación impropio dun pobo tan serio, moderado e sensato como é o galego en xeral" e facer un chamado á cidadanía e mais ás autoridades municipais e centrais para cumprir e facer cumprir a normativa sanitaria.

"Se non se cumpren as medidas a situación irá a peor, e se vai a peor, seguiremos adoptando medidas sen nos tremer a man, porque é a nosa obriga", avanzou, coa vista posta na reunión do comité clínico dentro de seis días para avaliar a eficacia das restricións implantadas a semana pasada.

"Estamos orgullosos da sociedade coruñesa. Entendemos que a inmensa maioría das  coruñesas e dos coruñeses están cumprindo coa normativa e o que cremos é que non podemos permitir que por uns cantos irresponsábeis se prexudique a saúde de todo o mundo", opoñía onte o portavoz do Goberno municipal coruñés, José Manuel Lage Tuñas, quen defendeu que o Concello "traballa desde o primeiro día, a través da Policía Local, para facer cumprir as medidas e normativas sanitarias".

"Seguiremos facéndoo, velando por que se cumpran as normas e protocolos vixentes e agardando unha responsabilidade colectiva para facer fronte á pandemia", salientou o responsábel local, quen, a preguntas de Nós Diario, emprazou o presidente galego a "adoptar as medidas que teña que adoptar", por ser súa a responsabilidade sanitaria. "O que está a vista é que, salvo falar das súas responsabiliades, [Feixoo] fala de todos os demais", censurou, para reafirmar a "liña de colaboración da Coruña coas autoridades sanitarias".

 No mesmo sentido, concellos como o de Abegondo, Cambre, Carral ou Culleredo explicitaron no día de onte o "respecto" polas decisións sanitarias definidas desde a Xunta para conter a expansión do virus.

Novos focos na Galiza

Malia que a principal preocupación das Autoridades sanitarias galegas está no foco da área coruñesa, a xornada de onte deixou novos surtos noutras comarcas. É o caso da de Ferrol, onde a Consellaría vén de identificar 13 casos relacionados cun campamento de verán, no que hai menores, persoal monitor contaxiado, e contactos próximos, situados, en parte, no municipio de Cerdido. 

Ademais, o Sergas deu conta doutro abrollo familiar con tres positivos no concello de Ourense, detectado tras realizar unha PCR a un home que presentaba síntomas leves. En canto ao foco da Mariña, a Xunta salienta que se atopa "en vías de resolución", con 30 casos activos, 16 deles identificados nas últimas semanas e todos "con trazabilidade e orixe coñecida".

En conxunto, Galiza sumou, segundo os datos do Sergas, 87 novos casos, até os 827, 35 deles en hospitalización e un na UCI. 

Non se pode fumar

A Consellería de Sanidade establece que non se pode fumar na vía pública se non existe unha distancia de dous metros de separación con outras persoas. Así figura nunha das resolucións publicadas na noite desta cuarta feira no Diario Oficial de Galiza (DOG) .

O texto íntegro deste cambio indica: "No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazo ao aire libre, incluídas as terrazas, só poderá exceptuar a obrigación de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posíbel concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 28, nos quiosques ou na nube]