A Xunta decide non restrinxir a mobilidade na área da Coruña malia recoñecer que a situación "é moi preocupante"

Paseo marítimo da Coruña, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Arxina).
Mantén 7 días máis as medidas de limitacións adoptadas a pasada sexta feira e establece novas actuacións: restrinxe as visitas a hospitalizados na Coruña e realizará PCR preventivas a menores de 40 anos.

"De momento non imos establecer medidas de control da mobilidade". Así anunciou Núñez Feixoo esta cuarta feira que non ía haber restriccións de mobilidade na comarca da Coruña, unha opción que nestes días ía collendo forma para moitos á vista da evolución do incremento dos casos de Covid nesa zona.

O presidente compareceu após a xuntanza do comité técnico de saúde, integrado por unha trintena de especialistas, para explicar o decidido nesa reunión. Non haberá restricións á mobilidade malia que a situación na área da Coruña “é mala” e “moi preocupante”, en palabras do propio Feixoo.

“Se nos vemos obrigados a ter que confinar cidades ou comarcas... pode que haxa confinamentos nas vindeiras semanas”, indicou Feixoo, que cualificou a situación da área sanitaria coruñesa como "mala" e "moi preocupante".

A incidencia acumulada na Coruña é de 92 casos por cada 100.00 habitantes, moi superior á medida da Galiza (23,7 casos)

O que si decidiu o comité foi prolongar durante sete días máis as medidas adoptadas 5 xornadas atrás: limitacións ao lecer nocturno, capacidade de 50% en comercuos, restricións a visitas a centros de día... E a elas engadiranse novas restricións, tamén durante 7 días: restrinxir os familiares acompañantes a persoas hospitalizadas e valorar se amplía a máis concellos da área as restricións do ocio nocturno.

A isto engádese que se aumentará o número de PCR e realizarase un "peneirado selectivo" entre os sectores da poboación con maior incidencia, como as persoas menores de 40 anos. 

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galiza (DOG).

Di que "o pobo galego" non cumpre coas medidas

Feixoo lamentou que "non se estean a cumprir" as restricións adoptadas para a comarca da Coruña e dixo que ese "incumprimento" non era propio "do pobo galego". Instou ás autoridades locais a mellorar os controis, volvendo así deitar sobre a Administración local (como xa fixera no caso do foco da Mariña) a responsabilidade de facer cumprir as medidas aprobadas pola Xunta. 

A incidencia acumulada na Coruña é de 92 casos por cada 100.00 habitantes, moi superior á medida da Galiza (23,7 casos) e case igualando a española (94,6 casos por cada 100.000 habitantes).

A Xunta estuda prohibir fumar ao camiñar pola rúa ou en terrazas se non hai distancia de seguridade

O comité clínico de expertos en materia de prevención da Covid-19 abordou tamén na súa reunión a posibilidade de prohibir fumar mentres se camiña pola rúa ou se está en espazos públicos permitidos -como terrazas-- se non se garante a distancia de seguridade.

Así o explicou Feixoo que detallou que os expertos consideran o fume do tabaco "un factor de difusión" do virus.

Por iso, na orde que se publicase na tarde desta cuarta feira, avanzou, incluirase unha medida deste tipo que afectará toda Galiza.