Dous feridos no incendio dun cemiterio de coches no polígono do Ceao, en Lugo

(Captura: @GxDRadioGalega)

No lugar traballan unha vintena de bombeiros de Lugo, Sarria e Vilalba e Emerxencias activou o nivel 1 do Platerga

Os servizos de emerxencia tratan de sufocar un incendio na nave da empresa ‘Desgüaces Sidegal’, situada na rúa do Vidro, no polígono do Ceao, en Lugo, e no que dous operarios resultaron feridos tras sufrir queimaduras e por inhalación de fume.

Así o comunicou en declaracións aos medios nas inmediacións da nave a alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos, que sinalou tamén que o incendio, aínda que "non está controlado totalmente", xa non hai perigo de que pase a outras naves próximas. Segundo confirmaron fontes do 112 Galiza, foi un particular quen deu aviso á central de emerxencias sobre as 09:45 horas.

Nesta comunicación, trasladaba que se rexistrara unha explosión dentro da nave e que un compañeiro sufrira queimaduras. Con todo, indicaba que todos os traballadores se atopaban fóra das instalacións.

Así, os operadores do 112 mobilizaron até o punto aos Bombeiros de Lugo e informaron tamén os Bombeiros de Sarria e de Vilalba, ademais de medios do distrito forestal da zona. Até o lugar tamén se trasladaron profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias-061 e efectivos da Policía Nacional e da Local.

No interior da nave hai vehículos, así como outro tipo de material almacenado e algúns aceites, tal e como trasladou a persoa que alertou ao 112.