Aranxa Vicens, Resistencia en Terra Allea

Aranxa Vicens: "Durante a pandemia as violencias que xa vivíamos como inmigrantes intensificáronse"

Aranxa Vicens, a carón de cartaces da campaña (Foto: Cedida)

Resistencia en Terra Allea é un colectivo mixto formado actualmente por 10 mulleres diversas: racializadas, brancas, migrantes e autóctonas con diferentes historias e traxectorias persoais, que nace en 2018 nas rúas de Compostela. Tentan facer fronte ao racismo estrutural e cotián como estilo de vida acompañando aqueles casos que se lles presentan. Coa pandemia da Covid-19 aumentaron as dificultades e iniciaron a campaña "Normalizar os dereitos". 

Que obxectivos busca esta campaña?

Forma parte da proposta do Foro Galego da Inmigración e nós, como Resistencia en Terra Allea, participamos na xornada anual de "Loita contra as fronteiras". Temos uns medios moi limitados e a xente á que queremos chegar vive momentos moi complicados, por iso decidimos empregar máis as redes sociais con actos puntuais. Queremos normalizar os dereitos, aínda que a palabra normalizar non nos gusta por referirse a algo hexemónico, todo o contrario do que nós queremos reivindicar, que é o racismo e as fronteiras.

Nos últimos tempos estamos asistindo a unha normalización dos discursos de odio e da presenza da extrema dereita nas institucións, nos espazos mediáticos e nas rúas. Recentemente vivimos o caso acontecido no barrio de San Pedro, en Compostela, onde aumentou a presenza policial e as persoas en situación irregular até agora viven baixo un medo constante. Tentamos falar coa asociación veciñal A Xuntanza, mais non deixa de haber un conflito de intereses que non permmiten ver o discurso do racismo dentro das súas prácticas diarias.

Por este motivo tentamos falar destes temas que moitas veces as persoas eurobrancas e con privilexios asumen cando outras persoas non teñen. É o caso da saúde, a vivenda, o ocio ou a cultura.

A pandemia empeorou a situación das persoas inmigrantes?

Ao comezo da pandemia xurdiron caixas de resistencia. As persoas inmigrantes, ao non ser un colectivo hexemónico, atopámolas desde as traballadoras do fogar até estudantes, pasando por nais. Terían que estar cubertas mais ao chegar a pandemia xa non podían estar na rúa e as detencións por parte da policía, se non conseguían identificarse, podían rematar nun Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) e unha posterior deportación. 

Comezamos a pensar que podiamos facer por estas persoas e xurdiu o apoio solidario de levarlles alimentos ou habilitarlles espazos. Na Galiza tentouse colaborar coas caixas de resistencia e respondéronse moitas causas individuais de acompañamento. O colectivo Ninguén sen Coidados, por exemplo, traballa coas nais solteiras e traballadoras do fogar que tiñan problemas para deixar a súa filla ou fillo cando precisaban ir traballar durante unha corentena e as escolas infantís estaban fechadas. Todo co medo aos Servizos Sociais, que non pensan máis alá da familia tradicional.

Tivemos un caso que se fixo moi coñecido en Compostela, a detención dun menor de idade nunha parada de autobús por non levar documentación. Nós denunciamos brutalidade policial e rematou en xuízo. Contactamos coa familia e fixemos acompañamento do caso. Durante todo este tempo de pandemia, as violencias que xa vivíamos como inmigrantes racializados intensificáronse. Quedamos con menos ferramentas para combater este tipo de discriminación.  

Teñen problemas cos organismos públicos?

Unha das institucións que máis problemas xera e da que máis dependen as persoas en situación irregular é a que xestiona a lei de estranxeiría. En Compostela tes que ir á comisaría e non hai información por parte do persoal nin de material visual noutros idiomas, cando a maior parte de inmigrantes falan outras linguas. Precisan de acompañamento. Ademais, temos un atraso nas citas, sexa por renovación ou por outros trámites, como é o de asilo político. Por tanto, non teñen permiso de traballo e non poden ter recursos económicos. É moi difícil sobrevivir nesta realidade para estas persoas.