Aranxa Vicens é activista

Aranxa Vicens: "Formamos sobre cuestións como por que está mal conmemorar o Día da Hispanidade"

Aranxa (segunda pola dereita, abaixo) e o resto de compañeiras do colectivo fomentan a pedagoxía decolonial. (Foto: Nós Diario)
Aranxa Vicens é unha activista antirracista do colectivo Resistencia En Terra Allea. A asociación está enfocada cara ao acompañamento de persoas migrantes en Compostela, á pedagoxía decolonial e á reivindicación dos dereitos das migrantes. A entidade acaba de pór en marcha unha escola antirracista, un proxecto que se desenvolverá na casa comunitaria Aluande e que ten como obxectivo principal “educar sobre colonialismo e colonialidade, feminismos non hexemónicos e fraxilidades brancas”.

Que motivou o nacemento de Resistencia En Terra Allea?

Resistencia En Terra Allea xurdiu en 2018. Naceu pola ausencia de referentes e de colectividades entre persoas migrantes e racializadas, e pola necesidade emocional de acompañamento. O feito de que nos colectivos existentes na Galiza non houbera un eixo antirracista nin decolonial levounos a formalizar o proxecto. Como primeira actividade, organizamos unhas xornadas decoloniais, nas que invitamos a persoas de todo o Estado español. O resultado positivo levounos a continuar, sempre tendo presente que nós, como migrantes, tiñamos a necesidade de compartir espazos con persoas non brancas.

Entendo que as actividades que levan a cabo están enfocadas nese eixo.

A maioría de actividades que desenvolvemos céntranse na pedagoxía, e dun tempo a esta parte, pedagoxía remunerada. Tamén temos alianzas con outras entidades para levar a cabo campañas conxuntas. Por exemplo, levamos xa dous anos apoiando as campañas do Foro Galego de Inmigración. Vimos que temos que abarcar moitos ámbitos relacionados coa inmigración, xa que na Galiza existen poucos colectivos deste tipo, e en Santiago nós somos o único.

Cantas persoas colaboran? 

Agora mesmo somos dez persoas. Hai pouco que nos convertemos nun colectivo non mixto, xa que as persoas eurobrancas que formaban parte de Resistencia nun primeiro momento foron deixando paso e espazo ás persoas migrantes que foron entrando no colectivo. É importante para nós estar con iguais, xa que non é algo habitual noutros colectivos deste tipo. Dun tempo a esta parte tamén vemos que fóra da asociación espertamos un maior interese. Agardo que sexa algo permanente e non mediático. Espero que sigamos nesta progresión e que non se esqueza a razón pola que seguimos a loitar. Tanto nas concentracións e manifestacións como nas actividades, vemos que hai moita máis resposta que hai dous anos. Aínda así, é un proceso difícil, xa que para as europeas supón unha revisión ideolóxica, e as veces ideoloxía e identidade están moi ligadas, o que pode chegar a ser un reto. Pero agora mesmo estamos moi contentas coa recepción que temos.

As institucións danlles o apoio que necesitan para desenvolver as súas funcións? 

Máis alá do normativo, como conceder permisos para actividades e concentracións, realmente non. O noso discurso ten unha base antiinstitucional, polo que é complicado xerar espazos agora mesmo. Sentimos que as nosas reivindicacións adoitan incomodar moito. Si que é certo que está habendo un intento de certas cooperativas solidarias por achegarse a nós, pero non sei se se lles pode considerar plenamente institucionais. Ser poucos colectivos na Galiza implica que intentamos coñecernos entre todas e tecer redes para colaborar en diversas frontes. Tampouco buscamos institucionalizarnos, porque censuraría o noso discurso.

Que importancia ten que os colectivos antirracistas sigan a gañar espazos?

É moi importante que se lle dea visibilidade aos nosos colectivos, pero non desde a branquitude. O noso coñecemento e as nosas vivencias son iguais de válidos que o que xorde doutros colectivos. Non queremos que o noso discurso sexa roubado. Necesitamos os espazos, e é algo que intentamos deixar moi claro ás persoas que queren ser aliadas antirracistas, porque nós desenvolvemos un grande esforzo para educar e formar sobre cuestións como por que está mal conmemorar o Día da Hispanidade. Pero é algo que ten que estar presente todos os días, non en datas concretas.