Apróbanse as bolsas para o estudantado do vindeiro curso. Eis todo o que precisas saber

O Consello de Minstras e Ministros aprobou a partida de bolsas para o curso 2023/2024 (Foto: Nós Diario)
A partida, que inclúe tamén unha axuda universal de 400 euros a alumnos con discapacidade, ascende a 2.520 millóns de euros.

O Consello de Ministras e Ministros aprobou esta terza feira unha partida de 2.520 millóns de euros para bolsas, que chegarán a un millón de alumnas e alumnos, e un subsidio universal que terá un importe de 400 euros para estudantado con necesidades específicas de apoio educativo.

"É unha das medidas máis importantes do Goberno, máis de 1 millón de mozos van poder beneficiarse desta partida de bolsas", preguntou a ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, durante a súa comparecencia na rolda de prensa posterior ao Consello.

Para crear esta axuda universal ao estudantado que sufran algún tipo de discapacidade, o Goberno destinará 200 millóns de euros.

"Son 400 euros de axuda complementaria que van recibir aqueles estudantes que se lles acredita unha discapacidade superior a 33%, que teñen trastorno grave de conduta, da linguaxe ou da comunicación; ou que teñen o espectro do autismo", explicou Alegría.

O subsidio universal para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo é compatíbel coa bolsa que cada estudante poida percibir en función da súa situación económica familiar e as circunstancias persoais de necesidade educativa especial.

Así o reflicte o real decreto polo que se estabelecen as contías de bolsas e axudas ao estudo para o curso 2023-2024, que xustifica este subsidio universal polo feito de que as familias con fillos que teñen estas necesidades asumen uns custos adicionais "moi significativos" para atender os requirimentos vitais dos seus fillos, o que, unido ás circunstancias económicas actuais, fai preciso un soporte extraordinario, que se sumará ás contías que xa figuran na convocatoria, resultando un incremento adicional das axudas con este subsidio.

Bolsa de residencia

Así mesmo, o real decreto estabelece un incremento na contía da bolsa de residencia na convocatoria anual de bolsas de carácter xeral para estudos postobrigatorios, que alcanzará un importe de 2.500 euros, fronte aos 1.600 do curso anterior, e que beneficiará máis de 125.000 estudantes.

Este incremento está orientado a facilitar que o alumando poida continuar os seus estudos nunha localidade distinta da propia, con especial incidencia en familias de contornas rurais, cuxos fillos teñen que desprazarse e residir noutras cidades para poder cursar estudos postobrigatorios.

Presentación de solicitudes

Outra das novidades da nova partida de bolsas é que adiantaron catro meses a xestión da bolsas. Así, os estudantes poderán presentar a solicitude de bolsas a partir do mes de marzo. "Durante os meses de marzo e abril o estudantado poderán presentar as solicitudes de bolsas para que en agosto e setembro se lles poida comunicar se cumpren as condicións e durante o último trimestre de 2023 empecen a recibir a contía da súa bolsa", apuntou a ministra.

Bolsas de carácter xeral

As contías das bolsas ao estudo de carácter xeral será de 1.700 euros a contía fixa ligada á renda do solicitante; de 2.500 euros a ligada á residencia do solicitante durante o curso; de 300 euros a bolsa básica, que será de 350 euros no caso de cursar ciclos formativos de Grao Básico; e a contía ligada á excelencia no rendemento académico será de entre 50 euros e 125 euros.