Aprobada a declaración BIC da zona arqueolóxica do Adro Vello no Grove

O Adro Vello no concello do Grove (Foto: Turismo Rías Baixas).
O Goberno galego termina así o procedemento que iniciou en 2021 para declarar BIC esta zona situada no borde da praia do Carreiro.

O Consello da Xunta da Galiza aprobou o decreto de declaración de Adro Vello como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de zona arqueolóxica.

Isto supón a aplicación do réxime de tutela da lei do patrimonio cultural da Galiza e o maior nivel de protección deste xacemento arqueolóxico do concello do Grove.

O Goberno galego termina así o procedemento que iniciou en 2021 para declarar BIC esta zona situada no borde da praia do Carreiro.

A decisión fundaméntase no seu interese científico e cultural e na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos sobresalientes do país.

Bolsas

Por outro lado, o Consello aprobou esta quinta feira a resolución na que se estabelecen as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica.

En concreto, trátase de axudas que se enmarcan na área de estudos e investigación para a realización de labores de investigación e tratamento e análise de datos en materia turística, cuxa convocatoria será para os anos 2023 e 2025.

O que se pode visitar

Logo desta decisión pódese visitar o Adro Vello, agora como Ben de Interese Cultural, na procura do "seu encanto".

O que alí podemos observar é unha vila romana, unha necrópole de inhumación que data dos séculos V-XVIII, a planta dunha igrexa visigótica do século V e elementos dunha fortificación da Baixa Idade Media, posterior ao século XII, feita como protección ante posíbeis agresores que chegasen por mar.