Educación

Aprobado case 95% do alumnado galego na ABAU: estas son as notas de corte e prazos de matrícula

A ABAU 2023 recupera case totalmente a normalidade previa á Covid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A porcentaxe de aptos foi de 94,77%, notabelmente superior ao 92,94% do ano pasado.

Case 95% dos alumnos e alumnas que a semana pasada participaron na parte obrigatoria da Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) conseguiu superar as probas. En concreto, segundo os datos ofrecidos esta quinta feira pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), aprobaron 10.387 estudantes dos 10.960 que se examinaron da fase xeral. Así, a porcentaxe de aptos foi de 94,77%, notabelmente superior ao 92,94% do ano pasado.

Do total de 12.800 alumnos que estaban matriculados aos exames de selectividade na Galiza, incluídos aqueles e aquelas da parte obrigatoria e a específica, presentáronse 12.690, polo que a porcentaxe de participación final situouse en 99,14%. Cada aspirante pode desde a tarde desta quinta feira consultar na aplicación 'Nerta' as súas cualificacións.

Prazos de matrícula

Con base nas súas notas da ABAU, que coñeceron, os alumnos e alumnas solicitarán a súa entrada nos graos universitarios en próximas datas. No entanto, aínda poden pedir unha revisión das notas, entre esta sexta feira e a próxima terza, día 20. A resolución desta segunda corrección saberase o día 22.

O prazo de preinscrición —paso previo á matrícula— abre xa esta sexta feira, 16 de xuño, para estudantes que superasen a selectividade en anos anteriores ou fóra da Galiza, entre outros colectivos. Os que a aprobaron en convocatoria ordinaria, é dicir, os exames feitos a semana pasada, terán desde a vindeira quinta feira, 22 de xuño, e até o día 30.

Haberá nove prazos de matrícula. A primeira lista de admitidos sairá o 11 de xullo e os que entren poderán matricularse do 12 ao 14. A segunda chamada será o 15, con inscrición do 16 ao 17 de xullo, e a terceira, o 19, podendo formalizar a súa matrícula do 20 ao 21 de xullo. A partir da cuarta chamada, o 24 de xullo, xa se poderán incorporar a estes trámites os que aproben na ABAU extraordinaria, que decorrerá os días 11, 12 e 13 de xullo.

Notas de corte

A CiUG ten publicado na súa web a listaxe de carreiras das universidades galegas coas notas de corte, que, con todo, constitúen simplemente unha referencia, pois son as cualificacións obtidas polos alumnos que entraron en último lugar en cada grao o curso pasado.

As máis altas téñenas, como vén sendo habitual todos os anos, os dobres graos en Enxeñaría Informática e Matemáticas (13,360), en Matemáticas e Física (13,282) e en Comunicación Audiovisual e Xornalismo (12,942), os tres pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Sen ser dobres titulacións, a carreira coa maior nota de corte é Medicina (12,792).