Aprazan a declaración dos superviventes do 'Vila de Pitanxo' até o 6 de xuño

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo (Foto: Ministerio de Pesca)
A semana pasada, a Audiencia Nacional convocou o patrón do Vila de Pitanxo, Juan Padín, a declarar como investigado no Xulgado de Instrución número 2 de Madrid.

A Audiencia Nacional (AN) tomou a decisión de aprazar até o vindeiro 6 de xuño a declaración dos tres sobreviventes do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, afundido a 450 quilómetros da costa de Terranova, no Canadá, o pasado 15 de febreiro.

Nun primeiro momento estaba previsto que declarasen na terza feira da vindeira semana, 31 de maio, pero finalmente será seis días despois, ás 9.30 horas, cando teñan que acudir ao xulgado a declarar.

Tal e como explicou a AN nunha providencia, este aprazamento prodúcese após a petición dunha das procuradoras para poder preparar o interrogatorio.

Ademais, o tribunal estabeleceu que os tres sobreviventes terán que declarar de forma presencial en Madrid, despois de que fose rexeitada a petición de que declarasen por videoconferencia.

Novo paso nas dilixencias

A semana pasada, a Audiencia Nacional convocou o patrón do Vila de Pitanxo, Juan Padín, a declarar como investigado no Xulgado de Instrución número 2 de Madrid.

Padín será o único dos tres sobreviventes que declarará como investigado na causa, mentres que o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro Samuel Kwesi farano como testemuñas.

A pesar diso, a AN aínda non se declarou competente para investigar o caso do afundimento do pesqueiro galego, pero si deu un paso máis nas dilixencias da causa.

Despois de que teñan lugar as declaracións de Padín, Rial e Kwesi, o Tribunal Supremo (TS) levará a cabo previsibelmente os trámites para decidir cal é o xulgado competente.