Após o confinamento, síndrome da cabana

Persoas soas e algunhas crianzas poden chegar a manifestar certo receo a saír da casa após o confinamento (Arxina).
O medo a saír á rúa é unha das consecuencias directas de case dous meses de encerro obrigado polo estado de alarma e o impacto do novo coronavirus. Á ansiedade das primeiras semanas pola necesidade de quedar na casa súmase agora a síndrome da cabana, o temor a facer o que antes era cotiá.

Non é un trastorno psicolóxico, mais é unha consecuencia directa dun período longo de confinamento imposto pola proliferación do novo coronavirus. A síndrome da cabana converteuse nunha realidade para moitas persoas que despois de acomodarse aos rigores do encerro recean volver á vella normalidade. Nalgúns casos pódese manifestar como unha sorte de preguiza a contactar con outras persoas, a regresar ao traballo presencial, a subir ao transporte público, a entrar en espazos fechados frecuentados por máis xente... Noutros casos, ese desinterese mesmo pode chegar a identificarse cun medo auténtico.

O desconfinamento exixe desfacer todo o que construímos ao longo das últimas semanas.

"Como foi un período tan longo de confinamento, o noso organismo adaptouse á nova situación. Agora, romper con algo que se volveu habitual nas últimas semanas require un esforzo", sinala Concha Rodríguez, psicóloga e vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG). "Porque na práctica, malia as dificultades que supuxo manter as exixencias do encerro, o que fixemos foi crear unha zona de confort. De súpeto creamos unha burbulla na nosa propia casa, unha cabana na que nos sentimos seguras, cómodas e fóra de perigo. De súpeto, romper con esa inercia fai aflorar distintas emocións que nos poden marcar", engade.

Medo ao contaxio

Unha é o temor. "O medo a contaxiarnos é a primeira sensación de alerta que nos pode asaltar. Foi algo constante durante o estado de alarma, e aínda que o risco actual non sexa tan elevado, segue a ser real e, polo tanto, é a primeira barreira coa que podemos bater". Para a voceira do COPG, este temor a entrar en contacto co virus vai ser o primeiro obstáculo a vencer. Mais recoñece outra serie de estorbos, especialmente entre as persoas que viviron soas boa parte do confinamento.

"Talvez tiveron que vencer certas dificultades para estaren a gusto, pero conseguírono. Afixéronse ao silencio, á seguridade da súa casa, sen ruídos de nenos, sen o barullo da xente. Agora vense de novo na necesidade de romper esa homeostase" salienta Concha Rodríguez. E serán quen máis difícil o teñan. As persoas que xa veñen mantendo certo contacto co exterior, é normal que aprecien menor rixidez á hora de retomar o contacto con vellas rutinas ou amizades coas que hai tempo que non coincide.

Adaptación das crianzas

Entre as crianzas, as familias poden chegar a identificar certo reparo a determinadas saídas ou contactos, "mais as nenas e os nenos teñen moita máis plasticidade cerebral, teñen moita máis capacidade para se adaptar que as persoas adultas, así que o van superar moito máis rápido. Con que saian unha vez, o máis seguro é que xa se adecúen a ese novo cambio". O que observa a psicóloga é que saen con moita prudencia, coñecedoras dunha normalidade distinta "froito de todas as normas que estiveron inoculando".

Na práctica, o desconfinamento exixe desfacer todo o que construímos ao longo das últimas semanas. "Supón prescindir algo que levou moito esforzo e iso crea un desgaste", explica Concha Rodríguez.

Progresión e compracencia

Romper coa síndrome da cabana, co medo a saír á rúa ou coa preguiza a retomar vellos hábitos, debe ser gradual e implicar unha satisfacción persoal. "Quen recoñeza certa desidia á hora de volver á normalidade debe iniciar o proceso facendo algo que lle apeteza moito, non nada aburrido nin molesto". Algo puntual que axude a darlle "bo feedback á nosa vida", incide a psicóloga Concha Rodríguez.

Malia as incomodidades que pode causar este cadro a quen o padece, sobre todo se xa conta con patoloxías previas, non deixa de ser "unha síndrome normal de adaptación á vida, como pode ser a síndrome pos vacacional", por máis extravagante que sexa como consecuencia dunha situación ben pouco agradábel. Esta carga emocional extra, lembran, vén a sumarse á ansiedade e ás incertezas das primeiras semanas de encerro.