Após 400 'venres negros', a mobilización en defensa dos medios públicos mantense: "É difícil pero imprescindíbel"

Persoal da TVG e da Radio Galega, esat sexta feira, mobilizado contra o desmantelamento e privatización dos medios públicos. (Foto: Defende a Galega)
Traballadoras e traballadores da TVG e da Radio Galega suman case oito anos de loita contra a degradación dos medios públicos.

"Baleiran a TVG e a RG! Quérenas esfameadas, subordinadas a empresas externas". 400 semanas despois do primeiro 'venres negro' que puxo en pé o persoal dos medios públicos da Galiza contra a "manipulación informativa"  e o "desmantelamento" da Radio Galega (RG) e da Televisión da Galiza (TVG), a reivindicación continúa. "No 'venres negro' 400 seguimos berrando contra o baleirado de contidos e a externalización, contra a manipulación e a propaganda". É a mensaxe de orgullo e protesta coa que o colectivo Defende a Galega visibilizou onte nas súas redas sociais un aniversario marcado pola decisión dos traballadores e traballadoras da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG) a perseverar na defensa duns medios públicos "que o sexan" e "ao servizo do pobo", tal e como reclamaba a iniciativa lexislativa popular 'Liberemos a Galega', tombada polo PP o pasado mes de setembro na Cámara galega.

Case 25.000 sinaturas avalaron unha ILP que promovía a defensa duns medios públicos plurais, democráticos e de calidade, libres da "manipulación informativa e a inxerencia política" dun PP "que antepón os seus intereses ás necesidades democráticas, sociais e culturais" do pobo galego, defendeu a xornalista Tareixa Navaza durante a toma en consideración da iniciativa no Parlamento.

Moitos dos axentes sociais que deberían xogar un papel fundamental na democratización do ente son cómplices dos secuestradores

A iniciativa popular non prosperou como tampouco o fixo o freo á degradación paulatina da TVG e da Radio Galega. "Non podemos estar satisfeitas, porque a mobilización das traballadoras non conseguiu frear o desmantelamento e a manipulación, que de feito se acentuaron. Si se logrou, e é importantísimo, sensibilizar unha parte da sociedade sobre a situación dos medios públicos, que se entenda que a liña editorial ao servizo da Xunta e a baixa calidade de moitos contidos as decide a dirección, e que moitas traballadoras se opoñen", afirman desde Defende a Galega.

O persoal dos medios públicos non se arreda. O seu compromiso está co servizo público que representan a radio e a televisións galegas , " un servizo público fundamental que toda a sociedade ten que defender ante a degradación que queren impoñer". Ante este reto, aseguran que a mobilización vai continuar. "É difícil pero imprescindíbel, porque de feito estamos entrando nunha deriva moi perigosa na que xa non descartamos ningunha posibilidade".

Silencio

O chamamento a defender os medios públicos desde dentro vai dirixido tamén ao conxunto da sociedade, cada vez máis desapegada deles, malia a seren "os de todas". Neste sentido, a presidenta do Comité Intercentros da CSAG, Raquel Lema, sostén que "se a cidadanía non se suma activamente á defensa e ao rescate dos medios públicos, este heroico exercicio de resistencia que están a facer as traballadoras da TVG e da RG non pasará de ser o que xa é, unha chamada de auxilio valente e comprometida que non consegue o seu obxectivo porque moitos dos axentes sociais que deberían xogar un papel fundamental na democratización do ente son cómplices dos secuestradores". E cita a facultade de xornalismo, "cega ao que aquí pasa"; os medios de comunicación, "que ocultan a existencia desta mobilización como se non fose noticia"; o Parlamento galego, "incapaz tamén neste asunto de servir os intereses do país".

"Se non se queren medios públicos, que se diga. Porque os están desmantelando, privatizando, manipulando, afastándoos da súa misión. Cando xa nos os teñamos, botarémolos en falta, porque comprenderemos de vez que son imprescindibles: ninguén informará do noso e do próximo, nin entreterá na nosa lingua, nin tratará do que somos", sentencia.

Falta pluralidade, axenda propia, independencia e sobra vulgaridade, preguiza e desleixo

O golpe definitivo ao , sinalan desde Defende a Galega, foi a aprobación da actual lei de medios. "Foi un retroceso gravísimo. Nin sequera os contidos informativos teñen xa protección legal ante a privatización, e de feito estamos vendo como se acelera. Xa se estende por case toda a grella da TVG e está invadindo progresivamente tamén a Radio Galega".

Medios públicos: referencia creativa e informativa

A TVG fechou 2025 cos datos máis baixos de audiencia desde 1992, cunha cota de pantalla de 8,4%, dúas décimas menos que en 2024, segundo os datos ofrecidos por Kantar Media. "É vidente a desafección crecente da sociedade cara aos medios públicos, tanto cualitativa como cuantitativamente. A audiencia non nos parece o único nin principal dato para valorar unha programación, pero si un factor a ter en conta, e o 2025 foi o peor ano de audiencias da Galega", din desde Defende a Galega. O colectivo observa que nos seus contidos "falta pluralidade, axenda propia, independencia e sobra vulgaridade, preguiza e desleixo. Unha das nosas principais razón de ser, a información de proximidade, está morrendo ante o desmantelamento das delegacións territoriais. Desapareceron os informativos locais, non se fai cobertura da información municipal e hai unha disparidade evidente no tratamento segundo quen goberna en cada concello".

O movemento crítico co desmantelamento e a degradación da TVG e da Radio Galega como valedoras dun servizo público esencial condena a censura e a pobreza que acusan. "Os medios públicos teñen que ser a referencia informativa e creativa da Galiza, e se non o son é por unha decisión deliberada de quen os dirixe", conclúe .

"Os medios públicos galegos hai tempo que deixaron de responder ás necesidades democráticas, sociais e culturais do pobo galego", sinala Tiago Alvite, delegado sindical da CIG, polo que urxe "redobrar os esforzos de mobilización social e política en defensa duns medios audiovisuais que son estratéxicos para a participación democrática da sociedade galega e para a normalización da lingua e a cultura do noso país".