Apicultores reclaman á Xunta máis coordinación na retirada de velutinas

Niño dunha vespa velutina na Galiza (Xunta).
O voceiro da Asociación Galega de Agriculturas, Jesús Asorey, lamenta que a Administración galega "ten competencias, pon cartos, pero non coordina. E agrega que neste 2020 "hai Concellos que trampearon, pero menos que o ano pasado".

"Coordinación" fronte á praga de avespa velutina. É a petición que o portavoz da Asociación Galega de Agricultura, Jesús Asorey, lanza ás Administracións ante unha campaña que, como en anos pasados, considera “deficiente. “Hai Concellos que trampearon, pero menos que o ano pasado”, manifesta en relación ao sistema para capturar as raíñas e mais a “labor preventiva” de retirada de niños.

Hai Concellos que trampearon, pero menos que o ano pasado, lamenta Asorey

A maiores, Asorey incide en que neste mes de agosto a “praga” da avespa velutina atópase na Galiza “con todo a súa furia”, en forma de niños “nas árbores, á beira dos regatos, pero tamén a ras do chan ou situados en muros, co perigo que iso supón para a xente que vai rozar ou realizar labores no campo”, agregou.

Nese senso, o portavoz de AGA asegura que persoas que realizaron estas tarefas recibiron “unha ducia de picaduras” de avespa velutina, rexeitando así mesmo que haxa menos presenza delas “nas hortas” que noutros anos.

Para Asorey existe unha “descoordinación por parte da Xunta” á hora de afrontar a problemática da velutina. “É a que tan competencias, pon máis cartos, pero non coordina”, salienta, cuestionando que as súas actuacións estean baseadas “na retirada de niños”. Os resultados que se poden obter partindo desa tarefa, engade, son “escaseo”.

A Xunta ten competencias, pon cartos, pero non coordina, critica Asorey

Concellos e profesionais do sector “fan o que poden”, valora o representante de AGA, quen bota en falta unha folla de ruta “máis globalizada”. “Cómpre atacar a prega”, afirma, reclamando un “trampeo coordinado” nos meses de primavera coa retirada de niños como apoio e coordinándose co sector da investigación.

Segundo os datos achegados pola Vicepresidencia da Xunta, “o número de niños retirados ou neutralizados” ascende a 8.398 “no que vai de ano”. “É certo que durante o confinamento, con menos xente saíndo da casa, apreciouse unha redución do número de avisos”, explican. O 18 de marzo recibíanse arredor de 25, unha cifra que diminuíu até roldar os 12 por xornada desde ese día e até principios de maio.

Durante o confinamento, con menos xente saíndo da casa, apreciouse unha redución do número de avisos, din desde a Xunta

Desde a Administración galega rexeitan que haxa descoordinación, argumentando que o plan impulsado pola Xunta procura o obxectivo contrario. "Proba disto é que a día de hoxe están adheridos 90% dos municipios, un total de 285", agregan. “É un plan que, ademais, foi acordado cos concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)”, lembran.

En tanto, o voceiro de AGA reclama ás autoridades estatais que urxan á Unión Europea a declarar a avespa velutina como “praga” para que haxa liñas de axudas para os sectores afectados. En canto á incidencia no sector apícola, cifra nunha afectación á produción promedio de entre “40 e 50%” nos pasados anos.