Galiza rexistra máis de 13.200 avisos para a retirada de niños de velutina

Niño de avespa velutina (Xunta da Galiza).
O dispositivo de Seaga habilitado pola Xunta en colaboración cos municipios traballa na retira de niños desde o pasado mes de xaneiro, sobre todo na marxe atlántica do territorio.

O Goberno galego atendeu máis de 13.200 avisos para a retirada de niños de avespa velutina, após a posta en marcha do plan de loita contra esta especie invasora, froito da colaboración entre a Xunta da Galiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O operativo da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) está a xestionar, de media, unhas 63 incidencias por xornada, o que eleva a media de actuacións semanais ás 217. A maioría, oito de cada dez, contabilizáronse nas comarcas do eixo atlántico, con máis de 10.000 avisos.

Máis avisos, menos niños

Un total de 80 profesionais de Seaga actúan no marco do plan da Xunta e dos concellos para loitar contra a velutina, despois do aumento do número de avisos desde a última semana de abril, a medida que avanzou a desescalada.

Segundo datos da Xunta da Galiza, o número de niños de velutina localizados reduciuse até os 22.023, fronte aos 26.169 que se atoparan en 2018. Isto supón unha reducción de 16% grazas, en parte, ás trampas que se incian coa chegada da primavera para reducir a carga de velutina.