Apicultores galegos lamentan a perda de miles de colmeas "improdutivas durante anos"

As colmeas que seguen en pé nas zonas calcinadas requiren dun novo asentamento verde que dea alimento ás abellas superviventes. (Foto: AGA).
A serra do Courel e Valdeorras aglutinan boa parte da produción de 'mel de monte' interrompida polo impacto dos incendios forestais. Arrasaron colmeas e enxames. As alvarizas que se salvaron non dispoñen de alimento para as abellas na súa contorna.

Máis de 32.000 hectáreas arderon na última semana e media na Galiza. Os estragos ocasionados polos incendios nas montañas do Courel, Valdeorras e Viana afectan unha contorna onde predominan os soutos e as carballeiras, especies autóctonas que acompañan e dan acubillo a unha biodiversidade maior agora minguada polas chamas.

De entre todos os hábitats arrasados polo fogo destaca o das abellas, ameazadas desde hai tempo pola agricultura intensiva e a invasión da vespa velutina. Coa desaparición de toda cobertura vexetal nas inmediacións de moitos apiarios, as abellas quedaron sen sustento para concluír unha das producións meleiras máis fértil da Galiza.

As colmeas que arderon serán improdutivas durante varios anos, e as que se salvaron non serán viábeis en moito tempo

Pero as abellas fan moito "máis que mel". "Estes insectos polinizadores teñen un papel esencial na agricultura. Contribúen á produción de alimentos e á biodiversidade, nun momento de claro declive ante a proliferación da agricultura industrial e agresiva". Quen destaca esta función  ecolóxica das abellas fronte á estritamente produtiva é Xesús Asorei, ex presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e actual voceiro do colectivo Mais que mel, que integra distintas asociacións, como Mulleres Abelleiras Galegas, comprometidas cunha apicultura natural e un consumo consciente respectuoso co labor das abellas no medio ambiente.

 

Novos asentamentos

As abelleiras e abelleiros galegos aínda non fixeron balance dos estragos causados polos incendios. Estiman a perda de miles de colmeas, e con elas, de importantes colonias de abellas e centos de alvarizas.

A única saída para os donos de colmeas arrasadas polo lume agora mesmo é o seguro, que non cubrirá o 100% dos danos nin será suficiente para "reimplantar as colmeas pedidas". Para eles acabou a campaña do mel que estaban a piques de iniciar. Despois está o caso dos apiarios que non sufriron as lapas no seu interior mais si na contorna.

Coa vexetación seca ou calcinada, as colmeas están ateigadas de abellas que corren o risco de "morrer de inanición", un prexuízo que non atende a póliza do seguro e que moveu a Asociación Galega de Apicultura a crear unha plataforma de axuda cun dobre obxectivo: procurar alimento para as colonias que sobreviviron e conseguir asentamentos apícolas favorábeis, "con colmeas ou enxames de abellas sobrantes ou coa posibilidade de realizar núcleos para a vindeira primavera". Unha iniciativa particular, de solidariedade entre abelleiros e abelleiras que non impide outra demanda dirixida ao Goberno da Xunta: "a axilización de axudas directas e específicas para colaborar na recuperación do sector apícola nas zonas afectadas".

En Valdeorras están os apicultores máis grandes da Galiza

"As colmeas que arderon serán improdutivas durante varios anos, e as que se salvaron, porque os apicultores limparon ben darredor ou foron alí o día do incendio para as protexer, non serán viábeis en moito tempo". O lóxico é buscar outro lugar de asentamento e trasladalas, explica Asorei. É o que se coñece como transhumancia, un procedemento recomendado tamén para fuxir da velutina.

"Os apicultores saben que polo menos deben levalas a 5 km de distancia para que o seu sentido da orientación non as devolva ao mesmo sitio". O ideal, conclúe, é que haxa xente disposta a darlles acollida en zonas de menos risco.

Sen enxames, apiarios nin colleita de mel

"A apicultura produtivivista chama a pór as colmeas nos montes porque é de onde sae o mellor mel, libre de residuos. Como dous terzos do noso territorio son monte convértese no sitio ideal para producir mel, mais non está libre de atrancos, e un deles son os incendios", apunta Asorei a Nós Diario
O fogo colleu as colmeas en plena campaña de produción.

"Dalgunhas xa estaban quitando mel, doutras moitas aínda non". Un mel de monte que na primavera é fundamentalmente de queiroga e nestes momentos de silva e castiñeiro. "En Valdeorras están os apicultores máis grandes da Galiza. Nas montañas do Courel, a tradición é máis recente pero conta xa con abelleiros novos que escolleron asentar alí os seus enxames e colmeas", afogados polo fume e calcinadas ou derretidas polas chamas.