A APDR exixe que Ence respecte os niveis de captación no río Lérez ante a situación de seca

A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
"A estas alturas xa ninguén dubida de que Ence é, con diferencia, o maior consumidor de auga do Lérez", manifesta a APDR.

A Asociación para a Defensa da Ría (APDR) alertou esta segunda feira da situación de seca que está a vivir o río Lérez nas últimas semanas, e da responsabilidade da compañía pasteira Ence ao non respectar os niveis de captación máximos que a propia empresa se comprometeu a reducir até os 4.000 m3/día en 2016.

Despois de que Ence paralizase os traballos na fábrica que posúe en Lourizán, a carón da ría de Pontevedra, a APDR asegura que é "irresponsábel" e "denunciábel" que a Xunta non obrigase Ence a parar, senón que simplemente "se limitase a comunicarlle a situación de risco ecolóxico que presentaba o Lérez".

Para a asociación, se ben o cese temporal da captación de augas do Lérez "non vai supor que a situación mellore notabelmente en tanto non haxa achegas importantes de auga ao río", si cre que "vai impedir que a situación continúe empeorando".

Neste sentido, a APDR exíxelle á Xunta que, "no caso de que Ence reinicie a súa actividade con anterioridade á data na que o Tribunal Supremo confirme a nulidade da súa prórroga, obrigue á empresa a cumprir o seu compromiso fixando eses 4.000 m3/día como límite máximo para a captación de auga no Lérez".

Maior consumidora de auga do Lérez

A Asociación explica que o río Lérez abastece de auga os Concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo, o porto de Marín, os polígonos industriais de A Reigosa e O Campiño, e á fábrica de Ence, sendo esta última a que máis cantidade de auga consume. 

"A estas alturas xa ninguén dubida de que Ence é, con diferencia, o maior consumidor de auga do Lérez", manifesta a APDR. Desde a chegada a Lourizán en 1958, a compañía pasteira captou de media 129.600 m3/día (47.304.000 m3/ano),

Ese volume máximo foi rebaixado polo Goberno galego até 47.520 m3/día (17.344.800 m3/ano) en maio deste ano. Segundo os datos da propia empresa, xa estaba consumindo por baixo dese límite (uns 14.000.000 m3/ano).

Porén, a APDR insiste en que se trata de "valores que están moi por riba do nivel de captación conxunta do resto dos consumidores (entre 6.000.000 e 9.000.000 m3/ano, segundo as fontes consultadas)".