Medio Ambiente

A renaturalización de Ence, unha proposta "ambiciosa pero viábel": así sería a ría sen a pasteira

As propostas para mudar a ría de Pontevedra presentáronse esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Unha proposta da Escola Superior de Arquitectura da Coruña estuda e detalla as actuacións máis acaídas para a renaturalización da contorna de Ence en Lourizán no suposto dunha ría sen celulosas. O proxecto contou coa colaboración da APDR e o Concello de Pontevedra.

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu esta quinta feira a presentación dos resultados do proxecto de renaturalización do espazo ocupado na actualidade pola factoría de Ence na ría de Pontevedra, en Lourizán, realizado polo alumnado e profesorado das materias de Paisaxe e Hábitat sostíbel, Ordenación do territorio e Proxecto da paisaxe 3 da Escola Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) en colaboración coa Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e o Concello de Pontevedra.

O estudo, no que participaron 40 estudantes de oitos países, comezou a xestarse hai un ano, moito antes de que o Tribunal Supremo dese a razón a Ence e avalase a súa continuidade na ría de Pontevedra en febreiro de 2023. A idea partiu da propia escola, en contacto coa APDR para a posta en marcha dun proxecto de Aprendizaxe e Servizo, unha metodoloxía que combina a aprendizaxe do alumnado con un servizo á comunidade imspirado nunha problemática social concreta.

A proposta final contempla a recuperación de máis de 1,5 km de praias e areais, máis de 5 km de paseo, 1.500 árbores e 26 hectáreas de zonas verdes

"No momento en que fixemos a proposta existía unha sentenza da Audiencia Nacional que apuntaba un futuro sen a fábrica de celulosas na ría, por iso suxerimos a elaboración dun proxecto natural para a zona. A decisión do Tribunal Supremo cambiou un pouco o contexto, pero a idea dun futuro sen Ence mantívose", explica a Nós Diario Jorge Rodríguez, profesor titular de Urbanística e Ordenación do Territorio, coordinador do proxecto e o encargado de detallar esta quinta feira as principais conclusións do estudo.

Análise da contorna

No mes de xaneiro alumnado e profesorado iniciaron unha fase de análise "moi extensa e estruturada" na que distintos grupos profundaron na historia, no patrimonio cultural e natural –hábitats e ecosistemas como a xunqueira da Gandarela ou a zona intermareal da ría­–, na sociedade, a economía e o emprego –núcleos de poboación e empresas–, nas infraestruturas –porto, depuradora, estradas–, en precedentes ou casos de estudo similares –recuperación da ría de Bilbao, da Barcelona olímpica, do Glasgow industrial– máis no impacto da propia factoría na contorna.

"Non se trataba de facer unha proposta para devolver a contorna ao seu estado previo, antes da instalación da fábrica", precisa Rodríguez, xa que desde entón producíronse cambios importantes na zona que condicionan calquera iniciativa de renaturalización. "Agora hai un porto de interese estatal que precisa uns accesos, hai unha poboación importante e unha comunicación moi fluída entre Marín e Pontevedra", sinalou.

A proposta da Escola Superior de Arquitectura da Coruña contou co apoio da APDR e o Concello de Pontevedra.

Principais condicionantes

Após esta primeira etapa de estudo e observación, no mes de abril comezaron a debullar todos os "condicionantes" e a desenvolver as primeiras achegas. "A mobilidade, as infraestruturas e as necesidades de comunicación do porto requiriron numerosas alternativas que cotexamos, contrastamos e discutimos até dar coa proposta máis axeitada desde un punto de vista paisaxístico pero tamén funcional".

O proxecto de renaturalización da contorna de Ence en Lourizán custaría, segundo as estimacións da ETSAC, uns 88 millóns de euros

A conclusión á que chegaron, resume Jorge Rodríguez, é que “a mellor opción pasa por atraer o tráfico cara ao interior, soterrando o vial dos Praceres, eliminando a autovía litoral e recuperando gran parte do recheo para a ría".

Con esta idea no centro desenvolveron un proxecto que se detén en cada recuncho de Lourizán para atender as súas necesidades concretas: Os Praceres, "onde hai a necesidade de recuperar todo o tecido atravesado pola autovía elevada, o tren e a depuradora". O ámbito do Pazo de Lourizán, "onde proxectamos unha maior amplitude na súa entrada, aproximando moito máis a ría". A zona propia da ría, "onde se recuperan máis de 30 hectáreas".

Areais, zonas verdes e de paseo

A proposta final contempla, ademais, a recuperación de máis de 1,5 quilómetros de praias e areais, máis de cinco quilómetros de paseo, 1.500 árbores e 26 hectáreas de zonas verdes. Unha renaturalización que foron compartindo case a cada paso cos membros da APDR en distintas reunións e que esta quinta feira deron a coñecer nun acto ao que asistiu, tamén, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores.

O profesor Jorge Rodríguez deu conta dos resultados como parte dun proxecto "colaborativo de cocreación" que ofrece unha recuperación "ambiciosa pero viábel". "Ao mellor agora custa imaxinar ese espazo sen o complexo industrial de Ence, pero fíxose en Barcelona, en Bilbao, en Alemaña, en Londres. É un proceso que se está a dar nos países desenvolvidos, necesario, sobre todo de cara a adaptar espazos tan vulnerábeis como son os litorais".

Levar a cabo o proxecto de renaturalización da contorna de Ence en Lourizán custaría, segundo as estimacións da ETSAC, uns 88 millóns de euros, que non inclúen os traballos de descontaminación, desmantelamento e demolición da factoría xa que, a día de hoxe, non dispoñen de datos suficientes para o seu cálculo.