APDR presenta alegacións ante Augas da Galiza para que se denegue a captación de auga a Altri

Presa de Portodemouros, que embalsa as augas do río Ulla (Foto: María Monteiro).

A Asociación advertiu de que o proxecto non só danará a zona onde se vai instalar a pasteira, senón tamén conca do río Ulla e a ría de Arousa, así como o monte galego, que sufrirá "un novo impulso eucaliptizador"

A Asociación pola Defensa da Ría-Pontevedra (APDR) presentou alegacións ante Augas da Galiza, organismo dependente da Xunta da Galiza, para que se denegue a Altri a concesión solicitada para a captación de auga do encoro de Portodemouros –entre Arzúa (comarca homónima) e Vila de Cruces (Deza)–, no río Ulla.

A asociación advertiu de que é "inaceptábel" que se someta a exposición pública o proxecto de captación, de maneira separada ao proxecto industrial da pasteira portuguesa, un proxecto que leva asociada a construción dunha planta de celulosa solúbel e unha fábrica de fibra téxtil, e "do que se descoñece a práctica totalidade dos aspectos técnicos" que usará o proceso industrial.

Segundo apuntaron, é posíbel que o proxecto de Altri non chegue a concretarse, ben por falta de financiamento público ou por non pasar no seu día os trámites legais exixidos. Con todo, á marxe dos "problemas ambientais e sociais que provocaría", quixeron alertar contra os inconvenientes que xeraría o complexo fabril ao que daría servizo.

Nesa actividade industrial, sinalou a APDR, a captación de auga é "parte inseparábel" e a lexislación exixe que o proxecto sexa sometido a exposición pública "na súa integridade", para ter en conta os posíbeis impactos ambientais, que "serán moi superiores a aqueles que resulten da suma dos impactos de cada unha das partes do proxecto por separado".

APDR advertiu de que o proxecto non só danará o medio ambiente da zona onde se vai instalar, nos municipios de Palas de Rei (A Ulloa), Agolada (Deza) e Santiso (Terra de Melide), senón que tamén afectará a conca do río Ulla e a ría de Arousa, así como o monte galego, que sufrirá "un novo impulso eucaliptizador".

Nove alegacións

A asociación presentou nove alegacións, nas que documenta os efectos perniciosos que, ao seu xuízo, terá a instalación do macrocomplexo de Altri e reclama a Augas da Galiza que denegue a concesión de captación de augas.

En calquera caso, e á marxe da consideración que poidan ter esas alegacións, a entidade subliñou que seguirá "loitando" para conseguir a "paralización" do proxecto de Altri e sinalou que a "información rigorosa" e a mobilización social acabarán por facer "imposíbel" esa "barbarie".

O colectivo súmase así a outras organizacións e entidades, como Ecoloxistas en Acción ou Adega, así como a propia veciñanza dos predios afectados polo proxecto, que tamén pediron á Xunta que denegue a captación de auga a Altri.