Medio Ambiente

A APDR denuncia a intención da Xunta de ampliar a fábrica de Ence

O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
O colectivo advirte do "aumento da agresión ao medio e das molestias á veciñanza". 

A Xunta da Galiza vén de someter a información pública o proxecto de modificación do Plan sectorial de incidencia supramunicipal (PSIS) para o asentamento industrial de Lourizán, promovido por Ence Enerxía e Celulosa S.A en Pontevedra.

Un plan que, para a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), é unha manobra da Xunta e de Ence para "pasar por riba do Concello de Pontevedra". Segundo denuncia a asociación, baixo a denominación de "modificación puntual do PSIS" agóchase unha ampliación da fábrica de pasta de Lourizán e, con iso, "o aumento da agresión ao medio e das molestias á veciñanza". 

Aínda que a Xunta "vende" que a modificación ten por obxecto a diminución dos impactos ambientais, do consumo enerxético e da auga, das emisións á atmosfera e das verteduras á ría, alerta a APDR, o proxecto –ao que presentarán alegacións– suporá un aumento da produción de pasta, do volume de verteduras á ría e do consumo de auga

Ademais, segundo denuncia o colectivo, implica a eliminación das actuais balsas de decantación "sen explicar como se van recuperar eses espazos", a instalación de novas estruturas co conseguinte aumento do impacto visual e o aumento de camións que circularán diariamente polas estradas.

Tamén en Altri

A APDR presentou tamén alegacións ante Augas da Galiza, organismo dependente da Xunta, para que se denegue a Altri a concesión solicitada para a captación de auga do encoro de Portodemouros –entre Arzúa (comarca homónima) e Vila de Cruces (Deza)–, no río Ulla.

A asociación advertiu de que é "inaceptábel" que se someta a exposición pública o proxecto de captación, de maneira separada ao proxecto industrial da pasteira portuguesa, un proxecto que leva asociada a construción dunha planta de celulosa solúbel e unha fábrica de fibra téxtil, e "do que se descoñece a práctica totalidade dos aspectos técnicos" que usará o proceso industrial.

Segundo apuntaron, é posíbel que o proxecto de Altri non chegue a concretarse, ben por falta de financiamento público ou por non pasar no seu día os trámites legais exixidos. Con todo, á marxe dos "problemas ambientais e sociais que provocaría", quixeron alertar contra os inconvenientes que xeraría o complexo fabril ao que daría servizo.