A APDR convoca unha nova mobilización en Pontevedra e Marín para exixir a marcha de Ence da ría

Protesta contra a permanencia de Ence na ría, no mes de xullo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Desde a APDR sinalan que esta nova marcha "ten que ser un acto festivo, unha demostración do noso optimismo, e a celebración da vitoria cidadaán fronte a Ence". 

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) convocou unha nova mobilización este domingo, 19 de xuño, para exixir ás Administracións a marcha da factoría que Ence posúe en Lourizán.

Desde a APDR sinalan que esta nova marcha, que comezará ás 12 horas nas alamedas de Pontevedra e Marín, "ten que ser un acto festivo, unha demostración do noso optimismo, e a celebración da vitoria cidadá fronte a Ence". 

"(Ence) como a Xunta do PP, insisten en perpetuar un modelo fracasado e o desastre ambiental e social que teñen provocado", sinala nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

A asociación denuncia que nin a compañía nin o Goberno galego "teñen límites á hora de buscar subterfuxios para burlar a Lei na busca do beneficio propio e contra o dereito do conxunto da cidadanía a desfrutar do dominio público".

"Carreira de destrución ambiental"

No escrito, a APDR explica que, "cando en 1958, o goberno franquista autorizaba a instalación da celulosa en Lourizán, na Ría de Pontevedra, e na comarca enteira, empezouse unha carreira de destrución ambiental, económica e social que hoxe é máis que evidente".

No entanto, destaca a asociación que, "froito da mobilización social, que desde o primeiro momento fixo bandeira da oposición á presenza da fábrica en Lourizán" abrise "unha xanela" pola que se pode "asexar ese futuro que nunca se debeu ter perdido".

"A saída de Ence da Ría non ten volta atrás e o ansiado futuro está ao alcance das nosas mans", asegura a asociación.