A APDR acusa Ence e a Xunta de "prevaricación" para manter a pasteira en Lourizán

Manifestación contra ENCE o pasado 4 de xullo en Pontevedra. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
O 10 de setembro é a data fixada para a segunda mesa de diálogo sobre o futuro de Ence. A Xunta defenderá nesa xuntanza a continuidade da factoría na ría.

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra censura a "solución" que a Xunta da Galiza resolveu trasladarlle a vindiera semana á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, co fin de garantir a continuidade da factoría en Lourizán.

Tras a reunión do conselleiro de Industria cos os comités de Ence, Francisco Conde anunciou esta quinta feira que pedirá ao Goberno do Estado que rectifique e apoie a localización actual de Ence na ría.

"Mafiosos"

Segundo expresa a APDR nun comunicado, algunha das ideas que puxeron sobre a mesa nese encontro, "semellan máis cousa de trileiros ou mafiosos que de representantes de traballadores e servidores públicos".

A entidade condena que Administración e comités abordasen "abertamente" a busca de fórmulas que permitan modificar as decisións xudiciais, "por máis que as disfracen de solucións xurídicas".

Desde a APDR advirten da intención da empresa de buscar a maneira "de que os xuíces do Tribunal Supremo poñan na sentencia o que lle conveña á factoría" e censura outra alternativa "igualmente inaceptábel nunha sociedade de dereito", manifestada tamén por representantes dos traballadores: "non executar a sentencia", en caso de que o Supremo manteña o su veredicto.

Burlar a lei

A APDR critica as intencións de Ence e da Xunta da Galiza. "Tratan de preparar o terreo para, máis unha vez, burlar a Lei e deixar na máis absoluta indefensión á cidadanía". E fano, di "ao máis puro estilo da mafia siciliana", atrevéndose a retar a ministra para a Transición Ecolóxica a "rectificar" e pór solucións sobre a mesa que dean aparencia de legalidade en beneficio dos intereses particulares dunha empresa.

O colectivo social condena ademais que insistan en responsabilizar da situación ao Concello de Pontevedra e ao Goberno do Estado, "aos que piden que se impliquen e emenden as consecuencias de non ter defendido a prórroga", concedida de forma ilegal polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi.

A APDR defende que calquera solución legal pasa pola saída de Ence da ría, polo que chama á ministra Teresa Ribera a non ceder fronte as pretensións empresariais, ao tempo que reafirma a vontade cidadá, contraria á permanencia da pasteira en Lourizán.