Aparecen decenas de troitas mortas no río Xuvia ao seu paso por Narón e San Sadurniño

Algunhas das troitas atopadas mortas no río Xuvia (Foto: Europa Press).
Polo momento descoñécese o motivo destas mortes, pero algunhas fontes estimaron que esta situación podería ser consecuencia do incendio ocasionado na tarde deste domingo na planta que a empresa Sogarisa ten no polígono das Somozas, xa que parte dos líquidos inflamábeis que estaban nestas instalacións acabaron na rede de rede de sumidoiros e crese que estes puideron acabar sobre o río Xuvia.

Decenas de troitas apareceron mortas esta segunda feira, 30 de outubro, no leito do río Xuvia, ao seu paso polos municipios de San Sadurniño e Narón (comarca de Ferrolterra).

Polo momento descoñécese o motivo, pero algunhas fontes estimaron que esta situación podería ser consecuencia do incendio ocasionado na tarde deste domingo na planta que a empresa Sogarisa ten no polígono das Somozas, xa que parte dos líquidos inflamábeis que estaban nestas instalacións acabaron na rede de rede de sumidoiros e crese que estes puideron acabar sobre o río Xuvia.

Desde a Sociedade Caza e Pesca Xuvia, o seu vicepresidente, Eloy Saavedra, expresou o "bastante preocupados" que estaban tras este incendio.

"A sorte foi que o caudal estaba moi alto, polo que estimamos que isto vai minimizar as consecuencias", engadiu.

De todos os modos, considera que os produtos vertidos "van chegar á ría, antes ou despois", algo que xa comentaron aos mariscadores.

Saavedra explicou que "Augas da Galiza ten unha rede de caudais de seguimento dos ríos", pero agora mesmo "non" saben "canto leva" o río Xubia, porque "sobre hai un ano e medio foi anulada" esta sonda.

"Nin medio normal"

"Todos os acontecementos que están a acontecer nas Somozas son como un buraco negro, e estanse producindo uns feitos polos que espero que a Fiscalía acabe por actuar, xa que isto non é nin medio normal", agrega.

Por outra parte, a Confraría de Barallobre, en Fene (Ferrolterra), púxose en contacto co 112 para informar desta mortalidade e que desta forma manteranse "vixiantes", porque hai bancos marisqueiros na desembocadura do río.