O aparcadoiro do hospital Gran Montecelo será de pago

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, visitou as obras do hospital Gran Montecelo, en Pontevedra. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O hospital Gran Montecelo de Pontevedra terá un aparcadoiro de pago con 900 prazas que estará xestionado por unha concesionaria. Sumarase así a outros dous gratuítos que terán unha capacidade, en total, de 378 vehículos. 

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, foi quen anunciou a construción desta infraestrutura, que se levará a cabo de maneira simultánea ás obras do centro hospitalario. Rueda confirmou que se manteñen os prazos previstos de que o Gran Montecelo estea rematado no 2024.

A Xunta repite, desta maneira, o modelo de privatización de servizos públicos xa aplicado no hospital vigués Álvaro Cunqueiro.

"Hai outra solución"

"Non é entendíbel que non se busquen alternativas máis asequíbeis", afirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a "incomprensíbel" proposta do presidente da Xunta de habilitar un aparcadoiro en réxime de concesión nun hospital público. 

"Non estivemos de acordo con que se fixera un aparcadoiro de pago porque cremos que hai outra solución", afirmou, en referencia á proposta de crear aparcadoiros en superficie perimetrais a través da recualificación de terreos que na actualidade son rústicos.

"Intentámolo por activa e por pasiva e nunca optaron por esta solución", lamentou Lores, que asegurou que este aparcadoiro de pago será "cinco veces máis caro, probabelmente", en relación coa súa proposta.

Lores tamén quixo deixar claro que a "responsabilidade" de dotar o hospital de aparcadoiro é da Xunta da Galiza e do Sergas.

Por último, o alcalde de Pontevedra criticou a Rueda por non convidalo á visita que o presidente fixo esta terza feira ás obras do hospital, que se acometen "nun convenio co Concello". "Fareillo notar ao presidente e agardo que o xustifique como un erro de protocolo", dixo.