Ao redor de mil brigadistas piden traballar ante o "alto risco" de fogos

Dous brigadistas forestais traballan para extinguir as lapas no incendio forestal de Baleira, a 30 de marzo de 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os incendios de Alfoz e Viveiro ficaron controlados

O incendio declarado esta terza feira en Baleira (comarca da Fonsagrada) foi extinguido no día onte. Após controlar o fogo na madrugada, os medios antiincendios conseguiron extinguilo na tarde, segundo informou a Consellaría de Medio Rural

O de Baleira, que arrasou 1.400 hectáreas, foi o primeiro grande incendio do ano, e, segundo as investigacións, foi provocado por unha queima descontrolada.

Por outra parte, Medio Rural mantén controlados os incendios de Alfoz e Viveiro (comarca da Mariña), que xa queimaron 120 e 90 hectáreas, respectivamente, desde esta cuarta feira.

Falta de persoal e demandas de dereitos

Precisamente, o colectivo de case mil brigadistas con contratos cunha duración de seis meses formularon onte a necesidade de pórse a traballar ante o "alto risco" de incendios. A Asociación de Traballadores e Traballadoras de Incendios Forestais trasladou o "desconcerto e preocupación" do persoal fixo-discontinuo da Xunta e puxo de manifesto que a Dirección Xeral de Defensa do Monte "informou de que, vistas as condicións meteorolóxicas, declárase desde o 6 de abril o inicio de horario de alto risco".

Por outra parte, a CIG criticou onte que os proxectos de leis básicas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que se encontran en tramitación parlamentaria, "non supoñen un avance en dereitos laborais e aínda menos nos de seguridade, saúde e xubilación para o persoal da Galiza". O sindicato criticou que seguen a deixar este persoal sen xubilación anticipada con coeficientes redutores.  

Así, a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, afirmou que "é necesario que se recollan as funcións de director técnico de extinción, así como ter en conta os riscos laborais na extinción e un catálogo de enfermidades profesionais e vixilancia de saúde adecuadas". 

Burgos tamén propuxo eliminar o artigo 6, que marca a obriga dunha cooperación cos corpos e forzas de seguridade cando "son competencias dos axentes exclusivas da Galiza".