Mobilizacións por todo o país

Ao berro de “Galiza é lugar de acollida”, centos de persoas saen á rúa en apoio ás refuxiadas

[Imaxe: CIG] Manifestación en Compostela

Decenas de colectivos marcharon na mañá do domingo en protesta da actitude da UE fronte á crise humana das persoas refuxiadas. Con lemas como “Galiza é lugar de acollida”, centos de persoas percorreron A Coruña, Pontevedra, Vigo e Ferrol para esixir reverter a intolerábel situación que viven as refuxiadas.

Centos de persoas saíron á rúa este domingo para denunciar a situación que viven as persoas refuxiadas. Con proclamas contra o acordo entre a UE e Turquía e contra os “campos de concentración” no que se atopan atrapadas milleiros de refuxiadas, as persoas que participaron nas mobilizacións reivindicaron o cumprimento da legalidade internacional e que a UE revise a fondo a política exterior.

As manifestacións, que tiveron lugar na Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra e Vigo, foron convocadas pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas –da que forman parte máis de 70 colectivos- con motivo da conmemoración, esta segunda feira, do Día Mundial das Persoas Refuxiadas. Baixo o lema “Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras”, as persoas e colectivos participantes reclamaron a garantía e cumprimento dos dereitos das refuxiadas e cargaron contra a UE, ao entender que dilapida “millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión e control, mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas”.

Demandas da Rede

A Rede demanda ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e  Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude e para que as Administracións asuman que son as responsábeis de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e de promover a súa autonomía. “Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc”; salienta o colectivo.

Os colectivos convocantes emprazan a Xunta a poñer a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien o conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión

Aliás, os colectivos convocantes emprazan a Xunta a poñer a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien o conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación… E pide que se recuperen os fondos de cooperación e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, imprescindíbeis, di, para mellorar a situación nos países de orixe e para construír unha sociedade xusta e cohesionada.

Na manifestación que tivo lugar en Vigo participou a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidenta da Xunta, Ana Pontón, quen erixiu a candidatura nacionalista como “a única cun compromiso antimilitarista e anti OTAN”. “Temos as listas limpas, sen persoas vinculadas á OTAN”, salientou a portavoz nacionalista en declaracións aos medios. Pontón, que participou na marcha con outros candidatos e candidatas do BNG-Nós, reclamou anular o acordo UE-Turquía e habilitar, de inmediato, unha ruta segura de entrada a Europa.