Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Colectivos mobilízanse este domingo en apoio ás persoas refuxiadas

[Imaxe: Gabriel Tizón] Refuxiadas en Idomeni

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, formada por máis de 70 colectivos, convocou mobilizacións este domingo en Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo para esixir rutas legais sen condicións, o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio; que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea; e o respecto dos dereitos humanos das persoas que se viron obrigadas a fuxir da guerra, a violencia e a fame.

O 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas e Galiza non é allea a esta data reivindicativa. De aí que para este domingo e para a segunda feira haxa convocadas mobilizacións en distintos puntos do país co obxectivo de demandar apoio ao colectivo de refuxiadas. Os protestos, convocados pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, terán lugar baixo o lema “Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras”.

A Rede, que está formada por máis de 70 colectivos, asociacións, ONGD, partidos políticos e sindicatos, reclama, entre outras cuestións, que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea, ao entender que o modelo de Europa está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. “Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos”, sinala.

As mobilizacións convocadas son as seguintes:

VIGO. 19 de xuño, ás 11:30 horas, desde a Doblada

A CORUÑA. 19 de xuño, ás 12 horas, desde o Orzán.

COMPOSTELA. 19 de xuño, ás 12 horas, desde a Alameda.

FERROL. 19 de xuño, ás 12 horas, desde a Praza España.

PONTEVEDRA. 19 de xuño, ás 12 horas, desde Praza da Peregrina.

LUGO. 20 de xuño, ás 20 horas, diante do Edificio da Xunta

OURENSE. 20 de xuño, ás 20:30 horas, dende a Subdelegación do goberno