O xuíz considera o proxecto ‘unha quimera’

Anulada a posta en funcionamento da área Metropolitana de Vigo

Abel Caballero fora elixido presidente da área. (Foto: Concello de Vigo / Europa Press)
O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo estimou, de forma parcial, o recurso que interpuxera a Xunta polas accións administrativas de 2016.
O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo ditou unha sentenza en que anula a posta en funcionamento da área metropolitana.
 
Desta maneira estimou parcialmente o recurso interposto pola Xunta da Galiza contra as actuacións administrativas relativas á constitución deste ente supramunicipal, por non estar integrada a cidade viguesa no plan de transporte metropolitano impulsado polo Goberno autonómico.
 
A área constituiuse nunha asemblea que decorreu o 1 de decembro de 2016. Nesa reunión de traballo o que era alcalde de Salvaterra, Arturo Grandal, foi o encargado de revisar as certificacións dos edís porque era o membro de maior idade.

Houbo certas dúbidas sobre posíbeis irregularidades nas credenciais de Moaña e Gondomar, así como diverxencia de pareceres respecto da non adhesión de Vigo ao plan de transporte da Xunta.

Ante esta situación, Grandal suspendeu a reunión e os representantes do PPdeG marcharon. Porén, a cita continuou e Abel Caballero foi elixido presidente da Área Metropolitana, asunto que foi recorrido pola Xunta.

Agora, o xuíz lembra na súa resolución que a lei da área metropolitana do ano 2012 nunca chegou a pórse en práctica e que foi posteriormente modificada, despois de que o Concello de Vigo e a concesionaria do bus urbano, Vitrasa, asinasen en xullo de 2016 un convenio coa Xunta para a integración da cidade no transporte metropolitano.
 
Ese convenio implicaba que a empresa de transporte debía realizar as adaptacións tecnolóxicas necesarias e aplicar as tarifas pactadas.
 
Ademais, na modificación da lei da área estabeleceuse que o concello olívico debía integrarse nese plan de transporte de forma efectiva, como condición previa á posta en marcha do ente supramunicipal.
 
O maxistrado apunta que, sen esta integración no plan de transporte, o funcionamento da área metropolitana de Vigo "volvería ser, como catro anos antes da reforma (da lei), unha quimera".