O anuario 2020 de 'Nós Diario', até o día 21 nos quioscos

Mostras de páxinas da publicación, que fai un percorrido a través dos últimos 12 meses. (Foto: Nós Diario)
128 páxinas a cor con novos contidos e unha escolma do ano

Nós Diario celebra o seu primeiro ano de vida -vía a luz o 2 de xaneiro de 2020- coa publicación dun anuario de 128 páxinas a cor cunha selección de contidos publicados nos últimos meses e con análises realizadas para este Sermos Galiza especial. Entrégase mañá, sábado, con Nós Diario por tan só 3 euros (as persoas subscritoras recibirano nas súas casas ou para a lectura na nube). Unha ocasión única para gardar nun só exemplar os feitos que marcaron 2020 cunha óptica galega.

A publicación abre cun artigo de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. e conselleiro delegado, con outro de María Obelleiro, directora de Nós Diario, e cunha das informacións máis lidas no dixital nosdiario.gal, da autoría de Xesús M. Piñeiro, subdirector do medio.

Ademais dunha galería de imaxes de Arxina coas que percorre 2020, recóllese unha escolma de reportaxes e entrevistas representativas do ano, ben pola súa significación como feito salientábel ben por seren unha exclusiva publicada por Nós Diario.  Así, inclúense temáticas sociais, políticas, laborais, económicas, de xeopolítica, de memoria, culturais e deportivas, entre outras. 

Análises exclusivas

Alén da selección de contidos publicados nos últimos meses, o anuario incorpora análises escritas para este especial da autoría de Carme Adán, catedrática de Filosofía, que diserta ao redor do pensamento vinculado á pandemia; David Rodríguez, analista político e escritor, que achega as chaves políticas de 2020 cunha perspectiva a longo prazo; María Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña (UdC) e especialista en Sociolingüística, que ofrece a súa visión a respecto da situación que atravesa o idioma galego; Joam J. Romero, economista, que explica o que deixa tras de si 2020 a respecto da economía e Natividad López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, sindicato maioritario na Galiza, que debuxa os últimos meses a nivel laboral.

O director do Igadi, Daniel González Palau, analiza 2020 en chave xeopolítica e as liñas que fican abertas para o próximo ano; o profesor e filósofo Xoán Carlos Garrido desenvolve un percorrido polos feitos en materia de memoria histórica dos últimos meses; o escritor, investigador e crítico literario Mario Regueira repasa os fitos da literatura e o crítico de cinema Andrés Castro percorre 2020 da man do audiovisual. O deporte está presente coa análise do xornalista Omar Bello.

Os contidos seleccionados están asinados polas xornalistas Susana Rois, Alberte Mera, Alba Barbadillo, C. Barros e M. Vilas, Raquel C. Pérez, Mar Álvarez, Xacobe Ferreiro, Antón Escuredo, Pablo Barro, Fernando Arrizado, Irene Pin e Héctor Pena e pola colaboradora Cilia Torna.

A publicación do anuario coincide co inicio dunha campaña de subscricións que pon o foco en ampliar o número de asinantes que fagan posíbel un xornalismo galego, independente e honesto. Só entre todas e todos poderemos fortalecer un medio que este 2020 demostrou que é máis necesario que nunca, para informar sobre os intereses galegos.