O verán de...

Antonio Durán 'Morris': "Faime moita ilusión poder interpretar Allende"

O actor 'Morris' comezará a gravar unha nova serie. (Foto: Nós Diario).

—En que proxectos está traballando actualmente?

Hai pouco cheguei de Pamplona de gravar La voz del sol. A finais deste mes incorpórome en Madrid a unha serie dunha cadea estatal. O futuro máis inmediato faime moita ilusión porque iremos a Chile con Shock e porque eu interpreto Salvador Allende.

—Cal foi o papel que máis lle gustou interpretar na súa carreira?

Fariña ocupa un lugar moi especial porque eu coñecín os dous lados da lei cando tiña 20 anos. Houbo outros personaxes que me deixaron moi satisfeito como o de Princesas ou o de Padre Casares, a primeira temporada antes de que estiraran o chicle durante anos. Tamén destacaría A Esmorga.

—Daralle tempo a gozar deste verán?

Estouno intentando facer todo o posíbel, de todas as formas teño pouco tempo porque xa logo marcho para Madrid e aí acábaseme o verán.

—Cal é a súa praia fetiche ou paraíso natural en que máis lle presta estar?

Gústame moito Ons [Bueu]. Tamén a praia da Punta en Teis [Vigo], que foi onde nacín.

—Un souvenir que adoite comprar cando viaxa?

Faime graza comprar cousas típicas de cada sitio ao que vou, aínda que non son moito de souvenirs.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?

Quizais unha viaxe a Amsterdam que fixen coa miña muller hai pouco.

—Manda postais cando está fóra?

Non, agora mando fotos. Tampouco é que fose nunca moito de escribir.

—Algún festival ou cita cultural á que nunca falte?

Hai moitos, dentro do teatro adoito ir a Ribadavia á Mostra de Teatro Internacional. Mais sobre todo téñolle moito cariño ao Festival de Cans [O Porriño] xa que fun dos que escolleu os galpóns para o festival.

—Unha canción que estea escoitando moito?

Unha das miñas favoritas é Perfect day de Lou Reed.

—Unha serie ou película que recomende?

Películas hai tantas que é difícil escoller.  Series si que destacaría The night of de Steven Zaillian que xa vin tres ou catro veces.