O verán de...

Antón Ruanova: "É imposíbel que non che guste Galiza"

O triatleta compostelán Antón Ruanova (Foto: FETRI).
Entrevistamos o triatleta compostelán Antón Ruanova para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Fálenos do seu momento actual no persoal e no deportivo.
Moi ben, sempre procuro continuar aprendendo e mellorando. Xa levo 22 temporadas facendo tríatlon e non me canso de seguir aprendendo. Agora comecei tamén un par de empresas, unha de adestramento para deportistas e outra de bebidas isotónicas.

—Cal é a competición que lembra con máis cariño?
Diría tres. Unha sería o meu primeiro subcampionato de España absoluto cando quedei por detrás de Javier Gómez Noya. Compartir podio con el foi algo moi especial. Outra sería a primeira copa do mundo na cal fixen 'top 10' quedando sexto en México, en Huatulco. E por último, a primeira carreira que fixen defendendo as cores do Brasil cando conseguín ser campión suramericano.

—Como lle gusta gozar do verán?
Encántame o verán e encántame a calor. Adoro pasar o verán na Galiza porque temos de todo e non lle temos nada que envexar a ningún sitio do mundo. É imposíbel que non che guste Galiza, pódeche non gustar un sitio concreto pero Galiza en si é imposíbel.

—Cal é o seu sitio favorito da Galiza?
Encántame a zona de Carnota.

—Praia ou piscina?
Praia. Para adestrar si que é mellor a piscina pero se é para gozala, mellor praia.

—Na praia, é dos que está máis na area ou na auga?
Paso máis tempo fóra da auga aínda que sempre entro á auga.

—A onde non iría nunca de vacacións?
Non tería problema en estar en ningún sitio. O que si, tento evitar masificacións. Por iso evitaría un sitio como Ibiza no verán, por exemplo.

—Un sitio que non visitase e que teña pendente?
Os Ancares.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Unha que fixen cuns amigos a Australia.

—Recomende un libro, unha canción e un filme.
Libro O alquimista de Paulo Coelho, canción Quero ser feliz também de Natiruts e filme Aquarius de Kleber Mendoça Filho.