Antom Fente: "Acreditamos en que o rural precisa dunha fiscalidade de seu"

Antón Fente, membro de Interior Galego Vivo. (Foto: Chantada CUP)
Interior Galego Vivo vén de realizar a súa IV Asemblea, consolidándose a nivel organizativo coa elección dunha coordinadora composta por representantes das distintas agrupacións locais. Nós Diario conversa cun dos seus membros, Antom Fente (Chantada, 1986), sobre as propostas que teñen para o rural galego.

-Interior Galego Vivo suma na súa IV Asemblea no Courel máis agrupacións locais e colectivos sociais. Afecta o boom eólico ao auxe deste movemento?

Na Asemblea falouse diso, había xente da plataforma Eólicos Non, así como do Courel e Quiroga que están a recoller sinaturas para formular alegacións contra os proxectos eólicos.

Apostamos por un canon enerxético que redunde no territorio, nas e nos propietarios, nos concellos e sobre todo defendemos que hai espazos onde non se poden instaurar polo seu impacto ambiental. Non se trata de estar en contra das enerxías verdes, mais non se pode efectuar un espolio do territorio de cáliz practicamente neocolonial. 

Aliás, apostamos pola xeración distribuída. Moitas veces o debate sobre as eólicas fica en se debe ser un modelo público ou non público. Loxicamente sería interesante ter redes de distribución e produción públicas, mais tamén ten que estar enriba da mesa o debate da xeración distribuída, é dicir, que as persoas e usuarios tivesen oportunidade de xerar enerxía e que puidese ser un complemento para explotacións e modelos de vida no rural. 

A xeración distribuída dependendo dos piases fíxose coa enerxía solar e coa eólica. Así, en vez de ter un parque eólico con 50 muíños que pertencen a capital risco, pois habería placas solares ou algún eólico -de axeitarse ao territorio- de propiedades dos cidadáns, de forma que estea ligado á zona e os axude na súa vida. 

-Que supuxo a IV Asemblea que para a plataforma?

Somos unha plataforma cidadá onde participamos persoas ligadas a diferente proxectos, asociacións, movementos sociais que vemos que o interior precisa urxentemente de certas políticas e de que se escoiten as demandas para construír aquí futuro. Fomos dando pasos e o que se busca agora con esta IV Asemblea é integrar máis sociedade civil, organizando a través a coordinadora que vimos de crear e que permitirá executar o traballo entre asembleas. 

Foi unha xornada bonita porque aumentou bastante a participación co obxectivo de consolidar unha ferramenta para dar voz á problemática do interior.  

-Anuncian que van traballar nunha proposta de fiscalidade rural que favoreza o mantemento e asentamento de poboación nos municipios do interior. En que consiste?

A fiscalidade rural fai referencia a que haxa unha adaptación dela no interior. Tradicionalmente fíxose unha fiscalidade única que non tivo ningún tipo de condicionamento sobre o lugar en que te instalas. 

De facto, é unha fiscalidade tan regresiva que se vives en Madrid tes unhas bonificacións que non podes ter no rural, porque se aquí xa temos poucos ingresos para as Administracións e poucos servizos, entón con esas bonificacións xa non habería nada. 

É un debate que transcende o debate sobre a fiscalidade local, que tamén é moi interesante, porque é certo que os concellos do interior vense prexudicados por un modelo que prima sobre todo o peso de poboación.

E a fiscalidade rural consistiría en bonificacións e incentivos fiscais para xente que se queira instalar no territorio que teña axudas para iso. É dicir, que unha cantina no rural non teña que pagar os mesmos impostos que un restaurante no centro da Coruña. E isto pode levarse a moitos outros planos. Por iso traballaremos nunha proposta para trasladar ás Administracións, acreditando en que o rural precisa unha fiscalidade de seu. 

-Ve os fondos Next Generation como oportunidade para o interior galego?

O seu impacto creo que será modesto, pola contía e por como se vai xestionar, coa participación de Abanca e outras empresas. Onde van quedar os proxectos reais para cidadáns que queiran emprender ou consolidar proxectos reais? Para cidadáns con proxectos de transformación alimentaria ou doutra índole? Non vexo encaixe, alén de que caia algunha migalla da mesa. 

Ademais moitos destes fondos acabarán converténdose en débeda pública e veñen condicionados a uns tempos que obrigan a que as cousas se fagan moi ás présas, desde arriba, sen contar coas comunidades locais. 

-Como ve a polémica sobre a redución do consumo de carne aberta polo Ministerio?

Detrás desa polémica aflora un debate ligado ao cambio climático e unha reflexión que temos que facer os galegos: Queremos ser un territorio que produza alimentos? Queremos que eses alimentos sexan de calidade? Queremos ser un territorio con soberanía alimentar? Ou queremos ser, como somos agora, deficitarios, que temos que importar practicamente de todo? Ese é o debate: que queremos producir e como.

Un novo modelo residencial para o rural

A plataforma Interior Galego Vivo trasladou o ano pasado aos partidos políticos as súas propostas para o modelo público social e de coidados. Defenden a rehabilitación de lugares no rural para que sirvan de zonas de envellecemento activo para a poboación da contorna, permitindo ao mesmo tempo que profesionais sociosanitarios liguen as súas vidas ao mundo rural,e todo relacionado cun novo modelo de coidados que "racharía con ese sistema de residencias de concentración de maiores, con ratios de persoal moi baixas", sinala Antom Fente. "Non podemos permitir ese modelo de concentración e que os grandes responsábeis das principais empresas e fondos de investimento desas residencias vexan aumentar a sua riqueza dunha maneira obscena a través da revalorización das accións", critica.