Cristina Botana, doutora en Arquitectura: "O antixitanismo é a forma de racismo menos cuestionada pola nosa sociedade"

Cristina Botana no asentamento da Pasaxe (A Coruña), hoxe en proceso de desmantelamento. (Foto: Nós Diario)

A doutora en Arquitectura, Cristina Botana, estuda a segregación urbanística da poboación xitana.

A doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña e especialista en urbanismo Cristina Botana vén de analizar a orixe da segregación urbana antixitana e a promoción de poboados de infravivenda na área urbana da Coruña e Ferrol. Botana sinala o antixitanismo como "a forma de racismo menos cuestionada".

Cristina Botana lamenta, en conversa con Nós Diario, que non se teña avanzado na loita contra a segregación do pobo xitano nos últimos tempos. "Deberíamos deixar de falar de políticas de integración e falar de xustiza espacial e non segregación, que é o que se vén practicando até o de agora". As políticas que chaman de integración, afirma, "son ferramentas de segregación e exclusión".

Para a investigadora, estas políticas "non variaron en nada" malia o paso do tempo. De feito, subliña, "cambiou lixeiramente a linguaxe institucional mais as prácticas seguen sendo as mesmas" ou "incluso máis excluíntes", pois "na práctica non existe unha política de vivenda pública na Galiza", co cal "non hai alternativas e non se favorecen nin a escoita nin as solucións que partan das circunstancias de cada grupo poboacional".

Modelo hexemónico

Botana sinala que para a Administración existe "unha receita única no acceso á vivenda aplicábel a todo tipo de modos de habitar, polo que o modelo hexemónico exclúe calquera outra forma de unión familiar ou de convivencia".

 O artigo que vén de publicar, A segregación urbana antixitana. Promoción de poboados de infravivenda na rexión Ártabra, explica como na segunda metade do século XX a proliferación de poboados de chabolas nas periferias urbanas galegas resultaron na aplicación de realoxamentos masivos, aínda que insuficientes e fragmentados, e na formación de novos barrios de absorción.

Segundo apunta no mencionado estudo, as familias xitanas quedaron relegadas a realoxamentos posteriores e a solucións especiais en actuacións de segregación que compoñen a expresión territorial do antixitanismo estrutural histórico da nosa sociedade.

A cidade antixitana

A autora introduce o concepto da cidade antixitana explicando que esta se configurou "en paralelo á cidade contemporánea e consolidouse especialmente durante os procesos de desenvolvemento urbano capitalista-neoliberal, desde os anos 50 até a actualidade". Neste sentido, Botana afirma que na segunda metade do século XX leváronse a cabo "diversas operacións urbanas destinadas a asentar e domesticar a poboación xitana".

A investigadora analiza as políticas urbanas de erradicación do chabolismo implementadas na área urbana de Coruña e Ferrol. Así mesmo, estabelece a hipótese de que a existencia de asentamentos precarios de infravivenda nas periferias urbanas galegas responde a un "dobre proceso diferenciador": un de segregación da pobreza, e outro de carácter racial, que "segregou a poboación xitana e define a realidade actual nestes barrios".

A súa análise refuta a idea de que eses asentamentos son realidades autoproducidas á marxe do sistema que, co tempo, degrádanse e deben ser atendidas polas institucións. Para Botana, a situación actual nos tecidos urbanos non responde unicamente a terse feito crónicos "certos procesos de marxinalización", como ten defendido "o discurso institucional-académico".

Explica como a segregación xitana "está profundamente ligada ás políticas de erradicación do chabolismo e á desigualdade no noso sistema urbano e de vivenda".

Segregación provocada pola acción pública

Así, reflexa como "as Administracións públicas promoveron asentamentos de infravivenda" e propiciaron a creación doutros "a base de actuacións improvisadas" que buscaban "desprazar o problema do chabolismo cara ás marxes".

Botana constata que, fóra de Penamoa (A Coruña), "todos os asentamentos de promoción pública dos 70 e 80 continúan existindo e mostran os peores niveis de degradación socio-ambiental" da Galiza.

A investigadora cualifica o antixitanismo como "a forma de racismo menos cuestionada" pola nosa sociedade e exemplifica estes asentamentos como "unha das súas expresións territoriais" e unha representación das "relacións de poder e violencia estrutural". Sinala tamén como, nalgúns casos, ante o illamento e a segregación, o pobo xitano xerou "procesos de resistencia e ferramentas de autoxestión".