A Europa hostil para migrantes e minorías

Nas últimas horas producíronse varias noticias no seo da UE que poñen en cuestión os alicerces sobre os que foi erixida, ao tempo que deixan unha raiola de esperanza: en Croacia, a policía está a pintar cruces na cabeza dos migrantes, e en Hungría, a xustiza resolveu contra a segregación escolar dos menores xitanos.
2020051315391777708
photo_camera Viktor Orbán é primeiro ministro de Hungría de maneira ininterrompida desde maio de 2010 (Attila_Volgyi-Polaris)

"A Unión fundaméntase nos valores de respecto da dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de Dereito e respecto dos dereitos humanos, incluídos os dereitos das persoas pertencentes a minorías. Estes valores son comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a non discriminación, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a igualdade entre mulleres e homes". 

Son palabras textuais do artigo 2 do Tratado da UE, que ben podería ser o principal artigo do texto en que se fundamenta o proxecto comunitario (o artigo 1 é unha introdución legalista). Son palabras textuais que nalgúns Estados da UE se perciben como un vago e distante eco. 

Co primeiro ministro Viktor Orbán ao temón, Hungría leva unha década navegando polos mares da extrema dereita. Especialmente no último lustro, a partir da crise migratoria de 2015, o seu partido, o Fidesz, e o seu Goberno estabeleceron unhas coordenadas de maior radicalización. 

Viktor Orbán ─"Viktátor" Orbán, para os seus críticos, xogando co seu nome e a palabra húngara para ditador, diktátor─ está embarcado no que el chama a "revolución conservadora", que cuestiona a separación de poderes ao tempo que se apropia da bandeira húngara. 

Mais son os discursos antiinmigratorio e que abomina do multiculturalismo, co apoio dos medios de comunicación e cunha oposición que aínda está a render contas por erros pasados, os que lle permitiron gañar nestes últimos dez anos tres eleccións lexislativas consecutivas con folgadas maiorías absolutas.

En setembro de 2018, o Parlamento Europeo aprobou por unha ampla maioría abrir un procedemento sancionador a Hungría pola súa política migratoria, unha medida que aínda está en proceso ─ao igual que as denuncias contra Polonia polas ameazas á independencia xudicial─. 

Un Orbán plenipotenciario

Sumouse a esa denuncia a realizada pola Eurocámara hai un mes, criticando as medidas excepcionais adoptadas polo Executivo  húngaro ─e o polaco─ para facer fronte á pandemia.

Orbán, hostil coa UE ─a que acusa, por exemplo, da "invasión de inmigrantes"─, recibiu plenos poderes para gobernar por decreto e por tempo indefinido tras o Parlamento aprobar no 30 de marzo unha lei de emerxencia. O Goberno pode, por exemplo, suspender leis. Ou bloquear a divulgación de informacións contrarias á acción contra o virus, con penas de prisión para os infractores.

Mais a singradura populista e autoritaria de Orbán bateu esta semana co farallón da xustiza. O Tribunal Supremo húngaro condenou nas últimas horas autoridades locais e educativas e ordenou o pago de 280.000 euros a familias xitanas vítimas da segregación das súas crianzas. Durante 13 anos, uns 60 nenos e nenas foron escolarizados en clases separadas e prohibíuselles participar nas aulas de natación e de informática, así como nas excursións escolares.

A segregación de alumnos por razóns étnicas é ilegal en Hungría, mais está expandida, sobre todo en zonas cunha importante poboación xitana, a minoría máis numerosa do país (7% dos 9,7 millóns de habitantes).

Non sentou ben a sentenza no Goberno húngaro, que anunciou unha consulta nacional. A oposición teme que poida abrir a vía a reformas para limitar a independencia da xustiza e a avivar os prexuízos contra a poboación xitana.

Cérbero fronteirizo

Tamén nas últimas horas se produciu noutro Estado membro da UE un episodio que atenta contra os seus principios fundacionais e contra os dereitos humanos. En Croacia ─Estado que ostenta a presidencia rotatoria do Consello da UE─, a policía está a ser investigada tras ser acusada de rapar e pintar con spray cruces na cabeza de inmigrantes.

Varias ONG do país denunciaron a situación nas últimas horas. A organización No Name Kitchen colgou fotografías na conta do Twitter. Os inmigrantes, di, denunciaron que ademais deste acto de humillación ─que é dobre, polo simbolismo de pintar unha cruz en persoas de credo musulmán─, os axentes quedaran con móbiles, diñeiro e zapatos deles antes de devolvelos ilegalmente a Bosnia, desde onde cruzaran a fronteira.

ONG como Human Rights Watch levan anos denunciando as políticas migratorias de Croacia, con devolucións "en quente" e maltrato físico por parte das forzas policiais. Precisamente a cuestión migratoria ─máis exactamente, a protección da fronteira exterior comunitaria nos Balcáns─ foi un dos principais temas na axenda croata durante este semestre de presidencia do Consello da UE. Porque malia os seus valores de solidariedade fundacionais, a realpolitik de Bruxelas fai de Croacia un fiel cérbero.

Comentarios