Antigos directivos de 'El Correo Gallego' declararán o 12 de xuño por suposto desvío de fondos

O ex director de 'El Corrreo Gallego' José Manuel Rey Novoa, á súa chegada ao Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela, o 15 de maio de 2025. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Esta quinta feira acudiron aos xulgados para recibir o requirimento polo que se lles pide unha fianza de máis de 1,23 millóns de euros.

O ex director de El Correo Gallego, José Manuel Rey Novoa, e o que fora xerente do xornal compostelán, Ángel Remesar, declararán ante a xuíza do Xulgado de Instrución Nº1 de Santiago de Compostela o próximo 12 de xuño na causa aberta por suposto desvío de fondos e pola que a maxistrada lles impuxo unha fianza dun millón de euros.

Esta quinta feira, tanto eles como as súas mulleres (que declararán o día 17 de xuño) acudiron aos xulgados para recibir o requirimento polo que se lles solicitaba ese aval. Todos eles chegaron á sede xudicial en Fontiñas pouco antes das 9 horas, onde permaneceron até pasadas as 9.30 horas.

Segundo detallaron fontes consultadas, terán 10 días para depositar a fianza solicitada pola xuíza, que supera os 1,23 millóns de euros. De non depositar o diñeiro requirido, procederase ao embargo dos bens patrimoniais até alcanzar esa cantidade que a maxistrada obtivo da suma das indemnizacións, débedas e salarios que os traballadores e as traballadoras deixaron de cobrar, tal e como denunciaron máis dunha decena de empregados e empregadas.

Auto

A investigación xudicial revela "indicios de criminalidade importantes" e unha suposta operación de "insolvencia puníbel" destes ex directivos a través dun armazón societario e contas persoais co fin de eludir o pagamento de débedas ante organismos como a Seguridade Social e Facenda.

Nun auto, a xuíza basea a decisión de pedir a fianza "polo risco de que co transcurso do tempo" os investigados "fagan desaparecer totalmente o seu patrimonio". "O risco de distracción do patrimonio que os investigados aínda poidan conservar é inherente á natureza e ben xurídico protexidos polo delito que nos ocupa: a frustración da execución", expón. A investigación parte de Fiscalía, denuncias de particulares e ex traballadores e ex traballadoras do xornal que acumularon múltiples faltas de pagamento de nóminas.

Concurso culpábel

Paralelamente, en abril de 2024, o Xulgado do Mercantil número dous da Coruña xa considerou culpábel o concurso de acredores de Editorial Compostela SA e condenou o ex administrador único e ex director de El Correo Gallego, José Manuel Rey Novoa, a cinco anos de inhabilitación para administrar bens alleos.

Nesa sentenza apuntábase que "se elaboraron contas irreais da compañía", con "numerosas irregularidades contábeis por contía elevada, as cales supuxeron unha alteración do patrimonio da compañía exhibindo unha situación ficticia da súa solvencia".

En xuño de 2022, o xulgado declarou en concurso voluntario de acredores á entidade Editorial Compostela, por aquel entón, editora da cabeceira El Correo Gallego, ao considerar acreditada a súa insolvencia. En novembro de 2022, o mesmo xulgado outorgou a venda de Editorial Compostela ao Grupo Prensa Ibérica por 1,6 millóns de euros. Así, El Correo Gallego forma agora parte de Prensa Ibérica, grupo de comunicación propietario de cabeceiras como Faro de Vigo e El Periódico.