Adela Leiro e Mon Daporta, autores de 'Galiza, un país de primeira'

“Antes estábamos en comuñón coa contorna e agora o estamos co supermercado”

Mon Daporta e Adela Leiro

Hai quen elixe ser mestre como forma de estar no mundo. Adela Leiro e Mon Daporta son un bon exemplo disto. Após unha vida dedicada ao ensino e cunha morea de publicacións ás súas costas, esta parella de Cambados, tan achegada á terra e lonxe de acomodarse na xubilación, publica agora Galiza, un país de primeira. Un libro que pretende “subir a nosa autoestima como pobo” e que, amais, faino dun xeito solidario: Todo o recadado será destinado á Asociación Galega Contra a Atrofia Muscular Espiñal (GaliciAME). Nesta conversa é Adela quen responde, pois Mon Daporta opta por cederlle a voz. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 300 en Sermos Galiza.

Coñecemos o suficiente a nosa terra? Vós percorredes cada ano todo recuncho de Galiza e descubrídenolo, co colectivo XEA, na sección “Andar e Ver”, deste semanario.

 

Canto máis vamos por aí, máis nos damos de conta do pouco que coñecemos Galiza, e iso que percorremos todos os concellos do país. Levamos case corenta anos dando voltas e aínda temos na casa unha lista enorme de sitios que nos faltan. En xeral, hai pouco interese en coñecer o próximo. É unha cousa que nos meteron desde sempre: o de aquí non tiña valor e entón, non se lle da. Nós queremos darlle a volta á tortilla. Temos de todo e de primeira.

 

Como inflúe o territorio no xeito de ser das persoas?

 

Por natureza, as persoas adáptanse á paisaxe, aos cambios estacionais, á luz, ás plantas ou aos animais. Antes estábamos en comuñón coa contorna e agora o estamos co supermercado. A terra forxa unha forma de ser ao longo da historia. Constrúese en miles de anos pero pode desaparecer en nada. Os grandes medios de comunicación e internet fan que todos nos centremos no mesmo á vez, de maneira que escoitemos a mesma música, comamos a mesma comida e nos interesemos pola mesma paisaxe e polos mesmos estereotipos. A contorna inflúe nas persoas pero estas inflúen moito máis na contorna. Se non botamos man de mantela ou de desenvolvela dunha maneira harmoniosa, imos por separado: nós por un lado e a natureza por outro.

 

Hoxe vese moito abandono, tanto de espazos naturais como de terreos cultivábeis, e case sempre vén causado por un desenvolvemento pouco sustentábel. Coa chegada da UE os gandeiros galegos tiveron que mudar a súa forma de traballo tradicional por explotacións intensivas, investindo unha millonada de cartos en facer naves. Agora resulta que a Comisión Europea queren lexislar xusto ao revés, obrigando a que as vacas pasten libres. Iso xa o facíamos nós antes de forma natural, e chamábannos atrasados por traballar na terra como animais.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 300 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]