Anpas de Vigo denuncian o "desleixo" do Concello, que "un ano máis" resolve con atraso as bolsas de comedor

Iria Salvalde, representante de Foanpas en rolda de prensa (Foto: Europa Press).
Estes atrasos producíronse tamén outros anos, e a presidenta de Foanpas censurou que o Concello "sistematicamente" atrasa a resolución das axudas, "até finais de novembro ou decembro".

A Federación Olívica de Anpas (Foanpas) denunciou esta quinta feira o "deixamento" do Concello de Vigo, que "un ano máis" resolve con atraso a concesión das bolsas municipais de comedor, e constatou que, máis dun mes despois de iniciarse o curso, as familias "aínda non saben" se terán esa axuda.

Nunha rolda de prensa, a presidenta de Foanpas, Iria Salvande, sinalou que é “cansino” que este atraso se produza "cada ano" e iso a pesar do "compromiso" do goberno local de que non ocorrería este curso.

Así, segundo explicou, a día de hoxe as familias aínda descoñecen se a súa solicitude de bolsa de comedor foi aceptada ou non e "están bastante angustiadas".

"Inasumíbel"

A situación derivou en que moitos dos solicitantes optasen por non enviar os seus fillos ao comedor, porque é "inasumíbel" o custo mensual (uns 85 euros por alumno), especialmente se teñen máis dun fillo. Ademais, incidiu Salvande, para as Anpas tampouco é viábel adiantar o diñeiro.

Estes atrasos producíronse tamén outros anos, e a presidenta de Foanpas censurou que o Concello "sistematicamente" atrasa a resolución das axudas, "até finais de novembro ou decembro". Este curso, estiman que serán uns 2.300 os beneficiados por estas bolsas.

Para Foanpas este problema "non é por unha cuestión de diñeiro", senón de "deixamento" da Administración municipal á hora de tramitar as solicitudes. "Saben dabondo que o curso comeza en setembro", aseverou a presidenta da Federación, que subliñou que "para outros procesos, o Concello é moito máis áxil".

Finalmente, lamentou que, a pesar das peticións para ter unha reunión, Foanpas aínda non puido ter un encontro coa concelleira de Educación, Olga Alonso, e tampouco unha reunión coa edil de Benestar Social, Yolanda Aguiar.