Anpas Galegas destaca o “valor” do programa de auxiliares de conversa ante a súa posíbel desaparición na Galiza
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou o pasado mes que a Xunta abandonará este programa se o Goberno estatal "non ofrece garantías".
A Confederación Anpas Galegas destacou o "valor educativo" do programa de auxiliares de conversación ante a súa posíbel desaparición na Galiza, despois de que o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciase o pasado mes que o país abandonará este programa se o Goberno estatal "non ofrece garantías".
A conferencia remitiu un escrito ao conselleiro para expresar o seu rexeitamento a que este programa deixe de desenvolverse na Galiza, en concreto, reclamou á Xunta que "traballe activamente para garantir a súa continuidade, destacando o valor educativo e cultural" que achega ao alumnado do sistema público.
Tras este primeiro contacto, representantes de Anpas Galegas mantiveron o pasado 9 de marzo unha reunión coa directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, quen trasladou que a permanencia do programa depende da resolución dun conflito xurídico-laboral relacionado co encaixe dos auxiliares, cuestión que analiza Inspección de Traballo.
Ante este escenario, Anpas Galegas decidiu elevar as súas demandas ao Goberno estatal, dirixindo cartas aos ministerios de Educación, Formación Profesional e Deportes, e de Traballo e Economía Social. Nas devanditas misivas, solicitan a ambos os departamentos que traballen "de maneira coordinada" para clarificar o marco xurídico do programa e "garantir a súa estabilidade con plena seguridade para todas as partes".
Con todo, a organización subliñou que o programa "leva anos demostrando a súa eficacia na mellora da competencia comunicativa en linguas estranxeiras e no enriquecemento cultural dos centros", polo que insistiu en que é "imprescindíbel" achar unha solución que preserve este recurso.
