Ensino

Anpas galegas denuncian "descontrol" no inicio do curso escolar

Alumnado de Primaria do CEIP Quiroga Palacios de Compostela durante o primeiro día de clase. (Foto: Arxina)
"Todos somos conscientes da perda de poboación e da súa consecuencia na baixada de cocientes nos centros públicos; circunstancia que ben podería reverter nunha mellora da calidade, mantendo as unidades e as prazas de profesorado. Pero unha vez máis vemos que o único criterio que é capaz de seguir a Consellaría é o económico, continuando na súa consideración de que todo gasto é un malgasto, algo que en educación e neste caso é totalmente falso", argumentan.

A Confederación de Anpas Galegas denunciou esta quinta feira o "descontrol" nos primeiros días de curso escolar na Galiza e insisten en que a perda de poboación e a consecuente baixada de cocientes, non redunda nunha mellora da calidade da educación.

Segundo indican un comunicado, están "preocupados" por como se está desenvolvendo este inicio de curso, cun caos que se suma "aos recortes publicados no verán, que xa evidenciaban a falta de planificación da Consellaría e o desinterese absoluto por mellorar a Educación Pública.

"Todos somos conscientes da perda de poboación e da súa consecuencia na baixada de cocientes nos centros públicos; circunstancia que ben podería reverter nunha mellora da calidade, mantendo as unidades e as prazas de profesorado. Pero unha vez máis vemos que o único criterio que é capaz de seguir a Consellaría é o económico, continuando na súa consideración de que todo gasto é un malgasto, algo que en educación e neste caso é totalmente falso", argumentan.

Citan concretamente os casos dos CEIP Torrexallóns de Laxe, o colexio Pousada Carcacía de Padrón e a Escola Infantil de Carnés, Vimianzo, fechadas por falta de matrícula.

"Talvez sexa unha ocasión perfecta para facer unha análise do que está a ocorrer nas zonas rurais e o drama que supón para todo o país que se estean fechando colexios por falta de nenos. Todos sabemos que é un problema social e, canto antes se recoñeza que existe, antes poderemos atopar solucións", defenden.

Piden que non se ignoren as mobilizacións e manifestacións das anpas sobre os recortes e lembran que unha educación na cal estean todos representados e que "ofreza as mesmas oportunidades e apoios; a educación da que fai constante propaganda o Goberno galego, non se consegue sen medios".

Eses medios, insisten, non son outros que manter abertas as aulas e dotalas de todo o persoal que necesite para que "a equidade do sistema e a atención á diversidade deixen de ser referencias ocas".

Centros con problemas

Así, citan problemas no CEIP Vos Muíños, CEIP San Luís Romero, IES Agra de Leborís, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Ricardo Gasset do Incio, ou CEIP da Pobra de Brollón, ou en Ferrolterra o CEIP Eladia Mariño, CEIP A Gándara, CEIP San Xoán de Filgueira; CEIP de Présaras (Vilasantar), CEP de Ventín (Ames), CEIP A Ramallosa (Teo), CEIP López Ferreiro (Santiago), CEIP Lamas de Abade (Santiago), CPI Fonte Díaz (Touro), CEIP nº 1 de Melide, en Redondela: EEI A Marisma de Redondela e a EEI San Pedro de Cesantes, CEIP San Roque ou o CEIP Castrillón en Cangas.

En todos eles denuncian supresión de unidades, de prazas de especialistas en apoio educativo, en horas deses especialistas ou de prazas doutras especialidades de infantil ou primaria, de agrupamentos forzosos, non cobertura de postos vacantes e falta de dotación de persoal especialista en atención á diversidade.