Anpas Galegas critican que os intereses da industria das apostas “priman” no proxecto de Lei do Xogo

A Confederación de Anpas galegas presentou unha serie de alegacións ao documento en elaboración.

A Confederación de Anpas galegas enviou o que cualifica como “completa batería” de alegacións ao proxecto en elaboración da Lei do Xogo. “Facemos un enorme esforzo de participación, malia os atrancos que de sempre nos pon a Xunta”, indican. Para a Confederación, “están a ser os intereses económicos da industria do xogo e das apostas quen están a ditar as normas que as van regular nun próximo futuro”.

Por iso, indican, “ofrecémonos para estar nos traballos preparatorios desta nova lei, e tamén no observatorio que se debe constituír logo da súa entrada en vigor, tal e como nos corresponde como defensoras dos dereitos das crianzas galegas”.

A Confederación avoga en que o negocio do xogo “non se contamine á mocidade”, para o que pon sobre a mesa una serie de propostas: que os lugares de xogo estean afastados da realidade cotiá de mozas e mozos, ou que xogar teña unha “accesibilidade difícil, imposíbel para os menores”.