A adicción na era dixital

Apostar a perder

Desde a regularización do xogo en liña, en xuño de 2012, o sector non deixa de rexistrar cifras récord. Crecen os beneficios, as novas persoas usuarias, as xogadoras e xogadores activos, as cantidades apostadas, o investimento en marketing e publicidade, e tamén as e os ludópatas. Xa non son os que eran. Xogan menos ás comecartos e apostan máis pola internet. Comezan moi novos, algúns moito antes de facer os 18, sen percibir o risco de acadar a maioría de idade sendo adictos ao xogo. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 324 de Sermos Galiza.

O endebedamento, a adicción e a ludopatía conforman a cara máis negativa dun negocio que move miles de millóns de euros a costa de xogadoras e xogadores mozos, espelidos por amigos que tamén xogan, que nunca perden, e que mesmo ven unha saída profesional no xogo en liña e nas apostas deportivas. Semellan todopoderosas e de feito son omnipresentes. Están ao mesmo tempo na radio, na televisión, na internet, nas camisetas dos deportistas máis admirados... E cada vez máis, ao pé da casa e das escolas.

 

A dixitalización volveu o xogo máis doado. E grazas a un sistema de recompensa variábel e reforzo rápido, tornouse especialmente aditivo. “Non sei como, pero fano moi ben. Todo te anima a xogar. Se gañas, axiña che dan o premio para que sigas; se perdes, un desquite; e se levas tempo sen xogar, un bono para que te volvas enganchar. A ti paréceche que podes gañar facilmente pero sempre acabas perdendo”.

 

A experiencia de Santi

 

Santi Caamaño ten 25 anos. Comezou a xogar con 14 ao póker en liña. Recoñece que tivo a mala sorte de gañar as primeiras partidas, que foi o que o animou a abrir unha conta na internet suplantando a identidade de súa nai. Era menor de idade e tiña prohibido apostar. Con todo, pronto se converteu nunha necesidade. Con 17 anos comezou a xogar ás comecartos, con 18 puido entrar nos salóns de xogo e iniciouse na ruleta, contra os 20, descubriu as apostas deportivas e desde aquela foi ao que máis xogou.

 

“Chegou un momento no que me daba igual gañar ou non, o único que quería era xogar”. Apostaba a todo: ao fútbol, ao bádminton, aos galgos, ao tenis. “Ao final tamén buscaba a rapidez na aposta. Non quería esperar un partido enteiro, necesitaba que fose inmediato, e iso conseguíao apostando a un set. Así, gañei 13.000 euros, apostando 4.000 a unha. Perdinos ese mesmo día, apostando os 13.000 a unha. E se tivese 100.000, 100.000 perdía”.

 

A dinámica do xogo mudou. É pura fantasía. As casas de apostas lograron vestir o azar cun disfrace de pericia matemática que parece cederlle o control ao xogador cando non o ten. “O principal problema é que están socialmente aceptadas, e a xente asóciaas ao coñecemento. Entendes de fútbol, dominas as estatísticas e tes a falsa sensación de que es ti quen mandas, non o azar”. Desde que pediu axuda por primeira vez, Santi Caamaño recaeu catro veces. “Cando llo dixen á familia, tiña un descuberto de case 6.000 euros e non era consciente do problema. Só quería que me saldasen a débeda e seguir xogando, de feito, entrei en Agalure e axiña solicitei a alta voluntaria”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 324 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]