Educación

"Atrasos", crianzas "abandonadas na parada" e outras que "viaxan de pé": Anpas alertan das eivas no transporte escolar

Estudantes baixando do autobús de camiño á escola. (Foto: Europa Press)
"Facer levantarse unha nena ou un neno ás 6.30 horas da mañá para coller o autobús é difícil de entender, sobre todo se logo ten que esperar até que abra as portas o colexio, ou simplemente ocupa o tempo no autobús mentres dá voltas para xuntar demasiadas paradas no mesmo traxecto", censura o colectivo de pais e nais.

A Confederación Anpas Galegas denunciou esta segunda feira un inicio de curso marcado no transporte escolar polos "atrasos sistemáticos" e a falta de persoal nos servizos, unha situación que, subliñan, ten como "claros responsábeis" as empresas adxudicatarias e a Consellaría de Educación. Precisamente a pasada semana varios responsábeis da Consellaría vinculados á adxudicación de diversos lotes de transporte escolar á empresa Monbus foron citados a declarar nos xulgados de Santiago de Compostela.

Nun comunicado remitido aos medios, a entidade que agrupa un total de nove federacións de organizacións de nais e pais cualificou de "incríbel" que "todos os anos" haxa "os mesmos problemas" na prestación dos servizos de transporte escolar. Alertan de "atrasos sistemáticos de até 15 ou 20 minutos", nenos "abandonados na parada porque non caben no autobús", "falta" de persoal, condutores "que non coñecen os roteiros" ou alumnado "que viaxa de pé porque non hai asentos suficientes".

Tamén afirman que esta situación provoca en ocasións que nenas e nenos de todo o país "cheguen unha hora antes ao centro e, loxicamente, teñan as portas fechadas", o que provoca que "rompa" a cadea de custodia ao non estar aínda o profesorado presente.

"Facer levantarse unha nena ou un neno ás 6.30 horas da mañá para coller o autobús é difícil de entender, sobre todo se logo ten que esperar até que abra as portas o colexio, ou simplemente ocupa o tempo no autobús mentres dá voltas para xuntar demasiadas paradas no mesmo traxecto", censura Anpas Galegas no seu comunciado.

Aliás, a entidade pon o foco en que o transporte de ensino non obrigatorio "está sen resolver" e lamenta que exista "un empeño" en "non redeseñar" os roteiros, polo que demandan á Consellaría de Educación que abandone o discurso de que estes problemas son "casos illados" e "puntuais" e que acometa un cambio no modelo que exixa ás concesionarias que cumpran cun servizo de calidade.